Na miña pátria pequena, nesa Terra Chá tamén alcumada nos textos vellos como
Terra da Valura, existen recunchos marcados a ferro pola memória obscura dos devanceiros. Recunchos que, por desgraza, van derrubando-se un chisquiño máis a cada dia que pasa, entre o pular vagoroso das silveiras e os estremecedores cánticos dos corvos, verdadeiros señores do lugar. Asi transcorre o tempo sobre ese longo coiro ou océano de terra e monte que é a venerável Chá dos poetas.
Un deses recunchos é a torre de Cal da Loba, ergueita con dificuldade no lugar de San Fiz do Mato (freguesia de Pino, concello de Cospeito). A uns quinze minutos escasos da miña casa. Nos textos antigos chama-se-lle fortaleza de Vilaxoán, e, como xa comentei noutro momento, foron estes muros o derradeiro reduto de Constanza, filla do Marechal Pardo de Cela, e do seu home o ousado Fernand'Ares de Saavedra. Desde esas ameas resistiron aos exércitos dos Reis Católicos, vindos desde Castilla para reduzir e aniquilar toda resisténcia unha vez submetidos os belicosos señores do Norte. O asédio foi longo, doloroso, épico mesmamente, até que a belida dona Constanza caiu doente e finou aos poucos dias. Impuxo-se pois a rendizón. O desmantelamento de pedras e recordos. O silenciamento de toda sílaba discrepante. Afundiu-se a fortaleza de Vilaxoán; hoxe só fica en pé a torre de homenaxe. Ainda ben, Fernand'Ares livrou da pena de morte a cámbio de ir combater na guerra de Granada. Seica, din os cronistas, gañou ali vilas e honra e merecida fama, e pudo regresar aos eidos nativos e recuperar quizá parte das suas pertenzas.
Como adoita ocorrer, o povo non sabe destas xestas e ignora tais heróis. Asi que reinventa os lugares do mesmo xeito en que lles reinventa os nomes. E, como calquer vello da contorna sabe, a torre de Cal da Loba chama-se asi porque nela viveu unha fermosa princesa que foi convertida polo seu pai en loba branca, como castigo por namorar dun plebeio e rexeitar a voda cun poderoso señor da comarca. E, como calquer vello sabe, a loba branca ainda asexa por entre os carvallos e bidueiros e toxeiras que inzan o lugar. E o vello en questón dirá-vos, mui seguramente, que de encontrardes-vos con ela teredes de repetir tres vezes, mui sereos e tranquilos, as palavras máxicas de encantamento: "Vai con Deus!". E deste xeito a loba regresará ao corazón do monte e vós proseguiredes tranquilamente o voso paseo, por este recuncho triste e soedoso da venerável Chá dos poetas. Agardando, hoxe e sempre, agardando...