Apalpando as palavras do salmom

11 junho 2011

Os direitos do home

Chegas á Legua Dereita, ou Légoa Dreita na fermosa pronuncia local, esa que herdaches e que actualizas cada vez que contas (por enésima vez) a historia deste lugar. Aquí houbo sufrimento, berros dunha dor atroz e alucinante, un salvaxismo sagrado que solidifica nos territorios da saliva. E todo iso emerxe desde o submundo da memoria cando te ves diante da cruz de resonancias góticas que conmemora os sucesos daquel 10 de maio de 1911. Reverencia ante un pasado codificado que se dilúe á mesma velocidade cás letras que alguén escribiu no pé desta cruz.

Mais non quería falar dalgo do que xa teño falado outras veces. Quería simplesmente decer que nos meus auriculares soaba unha melodía chamada The Rights of the Man, das máis fermosas e estremecedoras que deu a tradición irlandesa, deconstruída nesta versión por Eileen Ivers coa insolencia dunha jazz-band sonámbula e finisecular. A sensación foi estraña, ou estrañamente bela. Crin escoitar os corvos erguendo o voo desde o corazón da carballeira, mais o certo é que estaba eu só alí ao pé da vella estrada de Vilalba...






Etiquetas: , , ,

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar comentários [Atom]

<< Página inicial