The Snowy Path
Está a nevar. Pouco, a penas unhas folerpiñas. Mais ainda asi chama a atención. Coma pequenas cuiteladas brancas atravesando este ar frio que destroza os lábios e fai a cor das pedras máis intenso baixo a xiada.
Asi e todo, un bota en falta as grandes nevaradas doutrora. Dos meus tempos de cativo despreocupado e feitiño. Cando a neve era tanta que nen un centímetro de chan ficava ao descoberto, e perdias a noción das formas e dos espazos. Cando a neve caía tan mesta que se borrava o horizonte e sentias-te (sentes-te) dentro dunha desas bólas de vidro que algo teñen de idílico e desconcertante.
Adoro os poemas nos que podes levar a neve à boca. Matastes o meu amado, o de ollos negros como túmulo de acibeche sobre a neve ("Deirdre e Noisin"). Sobre a neve todo se fai máis intenso. A neve no lombo das égoas (permitide-me a autocitación).
Xa parou de nevar. Que pouco dura o pan na casa do pobre...