Apalpando as palavras do salmom

21 dezembro 2007

Os ollos levemente fechados... noutro tempo...

Os que coñecen a este vello salmón de relanzos fixos saben que unha das miñas paixóns sempre foron as fotografias antigas, que me resultan (ainda non sei mui ben por qué reviradas razóns) tremendamente evocadoras, emotivas e poderosas. Quizá, talvez, porque me transportan, na sua fragmentariedade, a un tempo mítico, construído desde palavras e recordos mui difusos; un tempo no que calquer ensoñazón, calquer verso, calquer história poderia ter sido real.
Desa pequena obsesión surxiu, case sen me dar de conta, este vídeo que gostaria de compartir convosco, a xeito de cativo aguinaldo ou, cando menos, de personalísima felicitazón de Nadal.
Soa de fundo un tema que me impresionou desde a primeira vez que o escuitei, vai xa para sete anos, e que ainda hoxe é capaz de pór-me un docísimo arreguizo de vida e esplendor no corpo todo: trata-se da Foliada dos Aires da Terra, de Carlos Núñez, contido no seu traballo Mayo Longo. Non se trata, nen muitísimo menos, do seu disco máis inspirado, mais ainda asi é capaz de oferecer-nos perlas coma esta, na que se mesturan as vozes do pasado con ritmos que nos deixan à porta mesma do trance. A base é un cantar de fiada interpretado polo célebre coro Aires d'a Terra alá no remoto 1904; nesta versión é o mesmísimo Liam O'Maonlai (cantante de Hothouse Flowers e colaborador habitual de Carlos) quen pon a sua voz rachada ao servizo dunha melodia que entronca directisimamente cos arrecendos da tribo, da asemblea, dos mundos que resisten no máis profundo do bosque e a noite. Se a isto lle engadimos ese canto de afiador que emerxe no ecuador do tema, e que foi versionado nen máis nen menos que por Miles Davies (que diria Vicente Risco se o soubese, tan crítico como era el cos seus díscolos jazzbandistas!) e por suposto as gravazóns de labregos galegos finiseculares, o resultado é unha xóia palpitante e única, dunha feitura demasiado escasa na música galega de hoxe, mais terribelmente anovadora.
E sobre ese fio de granito e névoa, as imaxes doutro tempo e doutros imaxinários; sanfoñas, olladas esgrévias e afastadas, baleas derrotadas... e unha épica que nos sobrepasa e nos explica.
Bon Nadal para todos e que gostedes!

video

18 dezembro 2007

Un caldeiro de boas lembranzas

Un non pode negar-lle nada aos amigos, e menos ainda a aqueles que coñezo desde há anos e cos que xa tiven ocasión de adentrar-me en aventuras e peripécias várias, que incluen desde improvisazóns musicais con gaitas invisíveis até viaxes à Castela profunda a bordo dun carro de alugueiro. Todo iso sen esquecer proxectos imaxinários e irrealizáveis, como o movimento Gheada Sen Fronteiras (GhSF), que, ainda ben, está a ser máis activo e influente do que muitos poderian esperar (e desexar!). Porque, benqueridos amigos, non pararemos até que a gheada chegue aos confins da Gascuña (perdón, Ghascuña!).

E se eses amigos se tomaron a moléstia de acompañar-me nun momento tan fermoso para min como foi o acto de entrega dos prémios Gz Crea, daquela calquer desexo que saia pola sua boquiña será acatada por min como unha orde inaprazável. Asi que, melancolismos e lirismos à marxe, aqui vos oferezo alguns dos testemuños gráficos daquela viaxe. Estas fotografias son produto da surpresa que me provocou encontrar-me cara à cara, entre camareiros que ian e viñan ateigados de licores e canapés diversos, cun fragmento do meu relato convertido en xigantesco panel. Panel que, por suposto, conseguin traer-me comigo a Santiago, o cal non significa que nestes momentos decore a parede do meu dormitório, senón a doutro que, na realidade, frecuento bastante máis... Non si, Rakeira?

Espero que isto último lle sirva como resposta ao Subcomandante Ghüilian Xallas, a respeito dunha pergunta recorrente que me leva formulando (directa ou indirectamente) desde aquel frio venres de Dezembro: E logho ao final... quen vai quedar co panel?

Era Cangas, território hostil, un 14 de Natal de 2007. O dia que descobrimos, extasiados, o invento do Quempahop.





14 dezembro 2007

De afastadas e retornadas illas: o Profeta

Há escasamente un mes deron-me a boa nova de que un relato meu fora premiado na edizón do certame GzCrea deste ano 2007. Trata-se dunha história que escrevin há aproximadamente cinco anos, creo lembrar que no transcurso dun deses longos veráns chairegos, entre o siléncio luminoso do meu escritório e o renxer mol do vento nun bosque de piñeiros que hoxe xa non existe, mais no cal escrevin muitos dos meus versos e renglóns (con desigual fortuna, por suposto).
O relato en cuestión intitula-se O Profeta. Xa terán ocasión os asíduos deste blogue de le-lo con calma e demora, mais polo de agora somente farei algunhas anotazóns que quizá lles axuden, no seu momento, a entender un chisquiño mellor os conteúdos deste pequeno delírio céltico. Porque neste relato, sen dúvida, deixei amolecer e abrollar muitas das miñas teimas e obsesóns máis íntimas; neste relato respiran alguns dos temas que funcionaron durante anos a xeito de traves ou colunas de todo o meu imaxinário como "criador" (que palavra tan grande e nebulosa!) e ainda máis como persoa. N'O Profeta encontramos unha personaxe emerxida dos bosques decimonónicos, ese estraño século; un personaxe obsesionado con encontrar algo que (imaxina) trastocará os esquemas mentais que unha sociedade asfixiante está conseguindo impor-lle. Algo que, afinal, non somente encontrará (e con unha magnitude e complexidade que dificilmente imaxinaria cando emprendeu a viaxe), senón que o absorberá. Para gozo e desconcerto seu. E, como fundo desa procura, desa quête case griálica nun comezo, certas presenza que reorientan a mirada cara ao mito; mito que, como decote, se deseña en palavras e trazos mui arcaicos e sinxelos e poderosos: o mar, as illas, a palavra dun vello...
Por certo, para aqueles que comparten gostos musicais afins aos meus, direi-lles que o título foi-me emprestado por unha canzón de Wolfstone (The Profit), cuxo ritmo me acompañava especialmente naqueles dias de xeira criativa. Direi-vos asemade que o argumento da história, como tereis ocasión de comprovar, bebe mui directamente dunha lenda que no seu dia recollera J. M. Synge nas illas Aran (sempre as Aran, como non!). E que, en fin, muitas das ambientazóns que se suceden no relato son devedoras dese fito cinematográfico que foi para min Men of Aran, de Flaherty.
E, como amostra ou adianto, este treito que ao mellor consegue trasladar-vos (non o sei) a unha illa mui afastada, extraviada entre muitas marés e tempestades e naufráxios formidáveis. Unha illa à que, un dia de 1894, chegou un tal Dónal Maonlaí e na que falou cousas coma esta...

Camiño de Pyergorran, onde pasarei esta primeira
noite, comprendín que non podía ser doutro xeito, que calquera detalle que atentase contra este tópico romántico (debo recoñecer que é iso) faríao necesariamente contra todo equilibrio de cousas. Como non se ían conservar neste recanto do mundo as vellas sagas, os nomes de
todos os reis artanios, as xestas máxicas dos druídas? Acaso era
posíbel borrar da memoria destas xentes e destes campos (aquí tamén os campos gozan dese doloroso privilexio da memoria) as lendas de Connor e dos xigantes, das meigas que converten as carballeiras en exércitos, ou das vilas asolagadas pola furia dun día de inverno en calquera baía dos arredores? Non, non. No afastamento absoluto, a poboación mantén un doce primitivismo de ceos azuis e cabalos ceibos. A lingua, céltica, radicalmente céltica, florece cada primavera nas cerdeiras e nos carballos, dona de xiros e sabores que na Artania
xa só recoñecen os filólogos nostálxicos. Fálase aquí como deberon falar aqueles antigos cronistas dos mosteiros. Cada palabra xorde mastigada en arxila e penedías, e un agarda ver, na revolta de cada corredoira, unha procesión de guerreiros famélicos, rechumidos, ollos pardos coma lobos e barbas requeimadas do sal, que son os homes enviados hai unha millenta de anos por el-rei de Escocia a estas paraxes, e aquí ficaron, enmeigados, incapaces xa máis nunca de regresar.
Un campesiño que os ve quita a pucha e saúdaos, humildoso, que tamén son xente. Orballa sobre eles, sobre o conxunto, en pausados estremecementos cor outono.
E así e todo debo recoñecer que este primitivismo acada en certas rexións unhas proporcións horríbeis, case arrepiantes. Nelas desfaise de toda carga poética, e tórnase en símbolo atinado dunha soidade que manca e amera as olladas. Casais enteiros abandonados, campos e vellas terras de labor reducidas a bravío, praias exhibindo a osamenta de antigas embarcacións de pesca, toxos inmensos que destripan a beleza gozosamente imperfecta e desproporcionada desta paisaxe. Para un forasteiro, a primeira impresión é que algún tipo de maldición atravesou estes lares, antiga, cruel, irreversíbel.
Mais tal é a grandeza destas paisaxes, do que ofrecen e do que ocultan, que mesmo nesa desolación medran con pulo as amoras, destaca a cor das chorimas e estalan no aire, seguindo quen sabe que remoto ritmo, as melodías das lavercas.

03 dezembro 2007

Saúdos de retorno

Miñas donas e meus señores, benqueridos amigos, estimados compañeiros de viaxes e crescidas que non vacilais en perder uns minutos do voso valioso tempo vital para vos achegar a esta Casa do Salmón: como é habitual, depois dunha prolongada auséncia, retorno.
E devo dizer que retorno con grande ledícia de saber que, ainda nos momentos de siléncio e desánimo e grisáceos dias, há xente do outro lado do ecrán que se preocupa de calibrar e lamentar a durazón deses siléncios e deses desánimos e deses grises. Asi que, meus camiñantes insubornáveis, MUITAS GRAZAS!
Preparai pois o batuxo, que as correntes da invernia retoman o seu pulo. E de seguro que virán inzadas de salmóns.