Apalpando as palavras do salmom

17 janeiro 2007

O meu amor (2)

Oferezo-vos hoxe un extracto dun poema de Caitlin Maude (concretamente de Amhran grà Vietnam) que Alan Stivell incluíu en Brian Boru, sen dúvida un dos seus temas máis emotivos e logrados:

They said that we were shameless celebrating our love
with devastation all around us
We are like the weather, specially the sun
and we choose a soft place by the river.

A referéncia que procura Stivell (nun álbum eminentemente político e contestatário como era este) non é outro que o da violéncia na Irlanda do Norte. Mais este cántico poderia mui ben emerxer de calquer outra situazón na que o amor, doloroso e irreverente, se erguese por riba dos cascallos fumegantes de cada dia para precipitar-se, como no relato aquel de Mider e Etaine, nos territórios da luz e a liberdade; ali onde geabheadh tu an sonas aer pingin...

16 janeiro 2007

O coiro latexante

Fala Ronan O'Snodaigh, membro fundador de Kila, un dos grupos máis inovadores da música celta irlandesa dos nosos dias. A sua voz trenza-se cos ecos dementes e irresistíveis do bodhran para devolver-nos o bosque perdido, os ollos verdes, a erva máxica, a asemblea da tribo e o calafrio que nos libera...
É simplesmente incrível que un anaco de coiro poda percutir de tal maneira nos adentros.


15 janeiro 2007

De cando Lug Barbudo chegou ao obscuro norte

En chegado ao norte, deixados atrás os camiños vellos e as mudas rodeiras, Lug Barbudo sentou nun penedo e, coa vara de freixo nunha man e os ollos perdidos máis alá do derradeiro cómaro do horizonte, falou con língua alta e clara proclamando:

será logo porque és para min unha palavra grande e obsesiva, unha raiz obscura e cálida chantada na boca, unha catedral iluminada en médio dos bosques, un aloumiño inextinguível, unha bidueira, turba, dentes partidos na madrugada

será porque te remexes enfurecida na noite coma un facho acabado de prender, porque pronunciando o meu nome afundes barcos e naos imensas ali onde comeza o estrépito e os beizos se retorcen de tanto sal

será porque derramas calma sobre o pentagrama e ofereces caldeiro e pan e sorriso até que chega o mencer e os corazóns se abren e nos desperta a proximidade das cervas

será porque a tua cicatriz resucita e avivece os corvos da memória e me fai medrar o camiño baixo os meus pés

Lembrou un anaco Lug Barbudo as palavras derradeiras da vella naquela choupana destartalada dos confins de Donegal, ou de Morbihan, ou quizá de Soneira (non saberia dizer), e erguendo-se do penedo apoiou a eterna vara de freixo no camiño e continuou andando baixo o ouro vello do sol-pór.
Pois ainda lle restava por cruzar o mar.