Apalpando as palavras do salmom

28 outubro 2008

O riso bretón

Alguén dixo nunha ocasión que os bretóns tamén saben rir. Os bretóns comparten cos galegos ese sino comun às culturas periféricas, chuviosas e atlánticas: o tópico de sermos unha caste tristeira, amorriñada, instalada no lamento, na balada, no alalá... En fin, o protótipo romántico sobre os povos celtas que lle devemos en boa medida aos Cantos Ossiánicos de McPherson e à edulcorada e decadente poesia decimonónica.
Mais, por suposto, hai outro lado. E asi como os irlandeses son "os mediterráneos do Norte", bretóns e galegos pouco temos que lles envexar nese sentido. Para festeiros, nosoutros. E para rirmo-nos de nosoutros mesmos e do noso Volkgeist, poucos hai que nos poñan o pé diante.
E para amostra un botón. Ou vários.
Esta primeira imaxe é dun anúncio da empresa Breizh Cola, que adoita publicitar-se co lema Le Cola du Phar Ouêt e con ideas tan suxerentes coma esta que aqui nos oferecen. Por certo, que Breizh Cola fabrica tamén a sua própria limonada. Que como se chama? Pois, como non, Morgana. Ou alguén agardava outra cousa?


E seguimos coas anciás bretoas e a sua característica cófia, mais desta vez metidas a perigosas xogadoras de póker. A ocorréncia, de novo, é boísima! E comocontraste, unha imaxe non menos suxerente cà anterior, e que, por asi dize-lo, "actualiza" a típica imaxe da vella bretoa (ai, as irmás Goadec! se visen isto!), cófia na cabeza e bombarda na man. Trata-se dunha argallada dos de Breizh Punisher's, unha marca de roupa e complementos vários que xoga a revisar (e revirar) os símbolos próprios da Bretaña, dando en ocasións resultados coma este... Supoño que encanto o vexais deixareis de ter os bretóns por un povo tristeiro e comezarei a ve-lo como o que é: unha pátria de auténticos cachondos mentais!


03 outubro 2008

Paul Newman baixo a chúvia

Recentemente perdemos a Paul Newman, outro dos clásicos, un dos derradeiros actores no sentido máis digno da palavra. E, quizá a xeito de homenaxe inconsciente, aproveitamos para ver de novo un dos seus traballos máis sublimes: Road to Perdition, que na España levou o nome de Camino a la Perdición. Neste filme interpreta a un chefe da máfia irlandesa, John Rooney, que vive nun tormentoso triángulo co seu fillo Connor (Daniel Craig) e co seu afillado Michael Sullivan (Tom Hanks). O director, Sam Mendes, converte esta película nun estremecedor exemplo de traxédia na que os vínculos pateno-filiais ocupan un papel protagónico. O fillo de Michael Sullivan contempla un asasínio cometido por Connor Rooney, e este, o típico exemplo de fillo consentido e apoucado, ciumento da relación de seu pai con Michael Sullivan, decide aniquilar a família deste. Activan-se entón os mecanismos da vinganza e do dever, narrados en termos mui shakespearianos. Activa-se tamén unha espécie de fatal e subterránea interconexión entre os indivíduos que percorre cada fotograma da película. O camiño cara à perdizón converte-se nun camiño cara à descuberta persoal perfeitamente metaforizada nunha fuxida na que Michael Sullivan e o seu fillo atravesan terras desoladas e xélidas, na que cada paso é un chanzo máis na desprotección, no abandono da sociedade e do clan, unha soidade necesária para o auto-recoñecimento. Unha viaxe iniciática emarcada por unha violéncia sen contemplazóns e contada desde os parámetros máis requintados do mellor cinema negro. Asfixiante, simbólico, inimigo do explícito e do simples. Poético.
Recomendo pois vivamente o visionado dunha das derradeiras obras mestras de Newman. Mais, para ir-vos abrindo o apetite, deixo-vos un extracto dunha das secuéncias finais, talvez a máis impactante tanto visual como tematicamente. Michael Sullivan decide finalmente executar a sua vinganza, arrasar todo até a raiz, restituir equilíbrios. Vai na procura de John Rooney, asasina a todos os seus homes e, finalmente, executa-o a el. É a escenificazón da morte do pai, descarnada e directa, con toda a sua contradizón. É a serenidade de quen sabe que deve morrer e se alegra de que sexa seu "fillo" quen o faga. Todo isto contado entre a chúvia, sen son ambiental, nun siléncio estraño. Unha secuéncia extraordinária. Que gosteis!