Apalpando as palavras do salmom

22 fevereiro 2006

The Snowy Path

Está a nevar. Pouco, a penas unhas folerpiñas. Mais ainda asi chama a atención. Coma pequenas cuiteladas brancas atravesando este ar frio que destroza os lábios e fai a cor das pedras máis intenso baixo a xiada.
Asi e todo, un bota en falta as grandes nevaradas doutrora. Dos meus tempos de cativo despreocupado e feitiño. Cando a neve era tanta que nen un centímetro de chan ficava ao descoberto, e perdias a noción das formas e dos espazos. Cando a neve caía tan mesta que se borrava o horizonte e sentias-te (sentes-te) dentro dunha desas bólas de vidro que algo teñen de idílico e desconcertante.
Adoro os poemas nos que podes levar a neve à boca. Matastes o meu amado, o de ollos negros como túmulo de acibeche sobre a neve ("Deirdre e Noisin"). Sobre a neve todo se fai máis intenso. A neve no lombo das égoas (permitide-me a autocitación).
Xa parou de nevar. Que pouco dura o pan na casa do pobre...

16 fevereiro 2006

Que non o saiban os da COPE!

Que se o saben igual lles entra a morriña dos vellos tempos do teocentrismo máis destrutivo e lium habemus. Refiro-me a este treito dun documento do mosteiro de Soandres no que se descreve o que implicava unha excomuñón:

... que cada domingo et festas et outros días quaesquer a altas vozes con canpããs repicadas ante vossos poboos denunçiedes por públiquos et malditos escomungados aos sobreditos [entre os sobreditos estes está nen máis nen menos que o meiriño d'el-Rei en Bergantiños, quen pode pode...] et non digades con eles misas nen oras, et matedes [recoñezo que este verbo cria unhas expectativas que despois non se cumpren] por eles candeas de çera açesas con agoa bieyta lançando esa agoa fora de sagrado; et se morreren en tal estado que os non soterredes en sepultura ecclesiástica [home non, pois só faltaria] nen lles façades benefiçio de santa iglleia ...

De ter nascido o Gerardo naqueles tempos de Deus (nunca mellor dito) a boas horas havia de fazer-se apóstata o noso bon castrexo. Somente pola moléstia que suporia ter a viciñanza toda de Prevesos berrando-che à porta ESCOMUNJAOOO, ESCOMUNJAOOOO eu xa me pensaria un par de vezes o de desertar da Santa Madre Igrexa.

Chegado é o tempo do reencontro

Boto a mirada cara a atrás (atrais, para Senin e compatriotas de Senin) e unha espécie de vertixe vén-se-me à cabeza. Vários meses sen escrever unha mísera liña (neste blogue e, desgrazadamente, non só neste blogue). Fago reconto das experiéncias e vivéncias vertidas neste espazo e abraia-me até que ponto poden mudar nuns meses as cousas e as persoas e a imaxe das persoas e a feitura das lembranzas. Por desgraza eu non son Avelino, cuxos longos períodos de siléncio bloguiano sempre se ven compensados cun oportuno post de tamaño industrial e leitura lenta e demorada.
Heme aquí pues. Digo eu que ainda haverá cousas para contar. Ainda terei cousas para contar. Esperemos!