Apalpando as palavras do salmom

05 julho 2007

Verán, verán... abenzoado sexas!

Chegou o verán; como diria o poeta, abenzoado sexa! Rematadas as obrigas académicas e laborais máis imediatas, o salmón de arxila dispón-se a abandonar os mares abertos e arriscados para procurar de novo a luz mol dos relanzos de sempre, sempre acolledores. E con esa luz, centos de arelas, de desexos; millentos lugares que visitar, e outras tantas emozóns que sentir con estes primeiros soles que beixan o Noroeste. Onde habito.

Necesito recuperar vellos nérvios. O extremo oeste agarda por min. Ali xaz a miña raiz, esa da que bebo. Faltan-me recantos que visitar, pequenos santuários, a teima da peregrinaxe sempre axitando-se-me no ventre. Há tempo que lle teño botado o ollo aos penedos de Pasarela, de Trava, de Vraño, grotescos e inquedantes non mui lonxe do mar. Un cre recoñecer nalguns deles os trazos inconfundíveis dun Castelao. Tamén toca regresar à Barbanza, agreste e contraditório país, rotundo nome, pulsón de água e granito coa que me familiarizei este curso buceando entre documentos medievais, soñando as suas paisaxes que o pasado ano só cheguei a intuir nunha rapidísima viaxe (o castro de Baroña, a Pedra do Mouro de Axeitos, a fervenza de Cadarnoxo, os altísimos páramos sobre a ria da Arousa...). Pouco depois desa excursón desatou-se o inferno e Galiza inteira ardeu no desespero. Agardemos que este ano non se repita. Luitemos para que asi sexa.

E como os camiños van e veñen e entrelazan-se e acaban sendo caprichosos labirintos sen un dar-se de conta, mui seguramente terei de choutar dun lado ao outro do país para render visita ao país de Mailoc, aos confins da terra britoniense e cunqueirana. Quen mo ia dizer? Ali agardarán por min, se Deus ben quixer, dous ollos de turva fundos e turbadores cal lagoas invernizas.

Porque, como ben saben os paisanos de noso, nas lagoas agochan-se as vellas cidades de cristal. Esas que todos degoramos...

3 Comentários:

Anonymous Anónimo disse...

Despois de longas horas e abrumadoras noites loitando cos demos da toponomástica, a verdade é que se precisa un descanso, ben merecido por outra parte!.Serás agardado, por suposto, sen dúbida ningunha, para que poidas descubrir alguns recunchos que nen Maeloc puidera imaxinar. Ademais, como xa sabes o caldeiro non deixa xamais de funcionar...."Baixo a chuvia e o vento o lume segue aceso"

sexta-feira, julho 06, 2007

 
Blogger ghuilianxallas disse...

As bagullas cáenme facendo fendas nas meixelas con só volver ler o que este salmón/pedra nos ofrece de novo, esta grandísima síntese dun sentimento, dunha acollida, dunha cachela de San Xoán feita post. Post-rémonos pois ante o novo literato chairego que vén a tapar un pouco a ferida deixada pola marcha de Manuel María I, O Grande.
P. S.: Buffff! Canto tempo facía que non che facía a pelota así ao descarado... Botábao de menos, en serio, tanto que esta crítica non cha vou cobrar nin nada. Agora ás serias, benvido de novo...

sexta-feira, julho 06, 2007

 
Anonymous Anónimo disse...

Há costumes que non deven perder-se. Dedicar unha parte do orzamento mensal ao suborno do Subcomandante é unha delas ;-)

terça-feira, julho 10, 2007

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial