Apalpando as palavras do salmom

19 março 2007

San Patrício de Compostela

O pasado sábado, como saberán ben todos os filoirlandeses e celtistas en xeral, foi dia de San Patrício (San Padraig), festividade nacional do Éire, mais tamén celebrazón estendida e case que asumida como própria por todos os países célticos. Na nosa terra non podemos ser alleos a esta realidade, sobretodo se temos en conta que, como ben afirma José de Cora no seu Calendario de Galicia, "a história de San Patrício pode construir-se desde a Galiza con retallos dos nosos santos e poetas".

Parece incrível, mais é certo. Muitos dos episódios míticos que protagoniza o padroeiro dos irlandeses na sua predicazón pola Illa Esmeralda reproducen-se con prodixiosa exactitude nestoutra banda do mar, algo que facilmente surpreenderia a quen non estexa familiarizado cos substratos culturais e ideolóxicos dos povos galego e irlandés. Deste xeito, a figura de San Padraig é homologável en muitas ocasóns à de Santiago, pois ambos foron utilizados nos seus respectivos países para a cristianizazón duns determinados costumes e dos lugares e paisaxes às que estes estavan asociados desde a noite dos tempos. Se Santiago (ou Prisciliano, ou Elvis Presley se quixerdes, que máis terá?) descansa sob a Catedral de Santiago de Compostela, outro tanto acontece con San Padraig, cuxos restos repousan na Catedral de Downpatrick (Ulster). A predicazón de Santiago nas terras galaicas (polo demais mui pouca exitosa) está estreitamente ligada ao Pico Sagro (Boqueixón), un enclave riquísimo en pervivéncias pagás e polo que vaga o recordo da ubícua raiña Lupa, gardadora de riquezas e dona dos touros bravos. A montaña sagrada de Cruagh Patrick (Donegal) é a versón irlandesa deste promontório galego, ao que lle imita mesmo na sua forma. É aí, en Cruagh Patrick, onde se encontra a cama de San Padraig, equiparável ao leito de pedra do Santiaguiño do Monte (Padrón), no que seica se deitou o Apóstolo, igual que o fixeron outros muitísimos santos galegos e irlandeses en penedos similares (lembrai a cama do San Xulián, no monte Aloia). Se no Purgatório de San Padraig, na cova de Station Island (que deu título a un dos poemários máis vibrantes de Seamus Heaney), pode o peregrino superar en vida as penas todas do Purgatório, deixando asi un traballo feito para o momento do transo, outro tanto acontecia na cova de Santiaguiño do Monte, e, segundo conta Alonso Romero, tamén na fisterrá ermida de San Guillerme, non lonxe do sartego de Orcavella...

Mais os lugares máxicos non son nada sen as palavras que os fan sagrados e, à sua maneira, imutáveis. E tamén para Santiago e San Padraig foron ditas muitas vezes as mesmas palavras e soñadas as mesmas lendas. San Padraig desterrou as serpes do Éire, e outro tanto fixo Santiago na Galiza. Porén, neste ponto a mitoloxia galega apresenta maior dispersón, pois na Costa da Morte esa expulsón dos ofídios atribui-se-lle ao San Adrán, avatar cristián dun vello deus da morte e o tránsito (San Adrián é barqueiro / que leva o remo na man..., di a copla popular). Foi el quen os fechou a todos baixo a sonada Pedra da Serpe de Gondomil (Ponte Ceso), unha cruz de pedra gra fermosamente traballada polos canteiros bergantiñáns e en cuxa base pode observar-se a efíxie dunha serpe alada. Sincretismo de cultos? Mui probabelmente. O caso é que unha das cobras fuxiu do marteiro, e o santo perseguiu-na até dar-lle alcance e esmagá-la co seu própio pé. Ainda hoxe, no monte Beo (Malpica), pode contemplar-se a serpe petrificada, coa pegada de San Adrán afundida no seu lombo.

Como veis, a San Padraig somente lle faltou ver-se involucrado no asulagamento dalgunha cidade maldita (como o estivo Santiago nos afundimentos de Duio e Corrubedo) para podermos venerá-lo como un santo galego máis. De aí a celebrar o vindeiro San Padraig cunha boa botella de Albariño na mesa só há un paso...

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial