Apalpando as palavras do salmom

18 março 2007

Viaxe alén do Éu

O pasado sábado, após muito (demasiado) tempo, volvin escuitar un dos meus programas radiofónicos predilectos, Lume na palleira, o único espazo específico de música folque e tradicional con que conta a nosa prezada Radio Galega. Foi camiño de Lugo que puden gozar dese relanzo de águas claras que é "O recuncho da palleta", no que nesa ocasión se ocuparon da música e personalidade dunha zona tan conflitiva como fascinante: as terras do Éu-Návia.


Tensionada entre as viziñas pretensóns ástures e a induvidável galeguidade das suas xentes e costumes, esta terra de Entrambas Aguas (que tal é a sua denominazón en muitos textos medievais, o que nos fala dunha singularizazón mui temperá desta comarca dentro do território galaico) contou con gaiteiros de grandísima envergadura ben coñecidos desde Tápia de Casarego a Taramúndi, e máis alá. Un deses músicos é o Firme (de nome Fermin). 85 anos, e unha cabeza luminosa na que bolen ainda as melodias e cadéncias de tempos xa adormecidos (que xamais mortos!). Escuitaron-se no programa algunhas das suas gravazóns. A sua língua movia-se entre os versos dos vellos romances con unha seguridade orgullosa, consciente, case sobrehumana. Lembrar cada sílaba e a posizón de cada sílaba, con unha mémória de pántano, de lagoa, de mina profunda e venerável. Depois, ao ouvi-lo tanxer a gaita, algo rachava e renascia dentro da luz. Como se de súpeto medrasen ao noso redor as paredes da palloza e rostos mui antigos e mui sábios se achegasen a falar-nos.
Sensazóns asi só mas provocan os grandes músicos de outrora: Perfecto Feijoo, Manuel Dopazo, Ricardo Portela... E o Firme, meus amigos, é grande. Mui grande. Un xigante das terras longas e afastadas de Entrambas Aguas.

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial