Apalpando as palavras do salmom

05 março 2007

Pai Uxio

Non saberia explicar-me sen Uxio Novoneyra, Uxio do Courel.
A palavra de Pai Uxio ten a precisón comovedora da sarábia estoupando contra as lousas. Fala Pai Uxio e da fisura dos seus lábios abrollan cousas duras, contundentes, impactos vermellos no cerne da vida. Un ten a sensazón de mover-se entre penedos xigantescos no corazón da névoa. Os lobos, a carqueixa, a porta destrancada, todo está feito de saliva e camiño. Poema inicial e iniciático. Como a serpe na orixe da terra e do tremor. Como a vella sentada no centro exacto da palloza. Talmente.
Eu digo que o primeiro lume, o primeiro ollo e o primeiro provérbio habitavan en Pai Uxio. Falou el como se nada antes fose dito; e desa maneira falou-no todo e nada ficou por dizer.
Lede devagariño a Pai Uxio e veredes materializar-se ante vós, fermosas e diversas, as millentas cousas para as que cada palavra foi feita e amada.

PECHOUSE a noite riba do ucedo
i eu non vin einda a cor da miña amiga.
Agora é cando ún treme e ten medo.

ISTE desacougo! Esta cousa! Esta mao xorda que tira!
Iste querer irse sin saber para onde!

AGORA o meu cor é unha chaga encendida.
Unha mao loba anda escalazándome a ferida.

ESTA door que se oi!
Iste cor meu!
Esta door que me veo ela de seu
Sin saber polo que foi!

FOI coma se caira nunha cova.
Antes era noite i era día
Agora é todo unha negrura loba.



1 Comentários:

Anonymous Anónimo disse...

O río ó ras
cheo d-auga e destino ó paso
flue flumen
pr-onde foi xa o sol tragado
todo o ouro volto prata
/gris raspado/
en mil sarillos
e aneis cruzados
sumándose ó caudal da noite
tamén alto.

Il non precisa de nós
nin diste canto.
Ela sola Naturaleza
é forma de algo.
I eu de eiquí quedo
chegou ó outro lado
coma cando a polas doncelas
dun salto
foi do cabalo de Roldán
ralvado.

Niste aire quente rente
amigo Lauro
Sómo-la beira
con todo o tempo pra miralo
coma se nin a el nin a nós
agardara o Oceano
E non-o viramos perderse eí
a corto tramo
i ó pechar a noite nela
desembocando

terça-feira, março 06, 2007

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial