Apalpando as palavras do salmom

19 março 2007

Berceuse de Grainné pour Diarmait

E a poderosa Grainné aferrollou coas suas palavras ao belo Diarmaid O'Duibhné, guerreiro predilecto de Finn Mac Cumal, e arrastou-no con ela polos camiños adiante, foxindo da amargura e da espiña e do frio leito de el-rei, que mal haxa.
Nas chairas do oeste habita o inverno. Há xeo no peteiro dos corvos. A neve cobre como unha mai calada os esqueletes das casas derradeiras. Saben os amantes que Finn levará o dedo polgar à boca e, travando-o até a medula, coñecerá o seu paradoiro exacto e lanzará-se furioso à sua perseguizón. Mais, contodo, Grainné fai descender a Diarmaid do seu cavalo e acolle-o no colo mentres a noite e a tempestade van entrando nos seus corpos. Ela, entón, deposita nos ouvidos do seu amado xabaril dos combates esta cantiga de berce. Unha respirazón antiga, de vara de xesta e turba adormecida, parece acompañar cada palavra de Grainné, a fermosa e desgrazada, que canta e canta e canta...

Durme un pouco, só un pouco,
e nada temas,
home a quen lle entreguei o meu amor,
Diarmaid, fillo de O'Duibhné.
Durme aqui profunda, profundamente,
fillo de O'Duibhné, nobre Diarmaid,
eu velarei o teu repouso,
encantador fillo de O'Duibhné...
Permanecerei vixiando-te,
muralla de combate do oeste,
o meu corazón escachará coa dor
se algunha vez me faltares.
Separar-nos seria separar
o neno de sua mai,
desterrar a alma do corpo,
guerreiro do fermoso lago Garman...
O cervo, ao leste, non dorme,
non deixa de bradar
entre os matos dos páxaros negros.
Non quer durmir.
A cerva sen cornos non dorme,
xeme polo seu cativiño,
corre por entre os toxos,
non dorme no seu tobo.
O vivaz pardal non dorme
no curuto das árvores de belas ramas.
O tempo é ruidoso aqui...
Esta noite non dorme a pita do monte
nas landas varridas polo vento.
Na cuiña o seu berro é doce e claro.
Xunto aos regatos non dorme...

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial