Apalpando as palavras do salmom

23 abril 2007

Lumes de Beltaine

Mália os desaxustes do noso calendário actual con respeito ao empregado nos primeiros séculos de cristianismo, podemos dizer que o vindeiro 1 de Maio, terza feira se non me engano, celebraremos a vella festa do Beltaine, abridora do antigo mes céltico de Salle. Unha comemorazón vinculada, sen dúvida, à selvaxe irrupzón do sol e a primavera onde antes imperava o lobo e a xiada.


Beltaine é precisamente iso, o lume do deus Bel (Belenos no panteón galo). Significa unha festa da claridade renascida, simbolizada e somatizada no círio pascual do Sábado de Glória e, somente uns meses depois, nas mil e unha cacharelas do San Xoán. O lume, como ben intuía Otero Pedrayo, conecta coa Terra e abre-nos os camiños que a penetran: é a memória. Eu a ollar pró lume / e o lume a ollarme, dixo Novoneyra, aloumiñando quizá o transo ao carón da lareira vella. Mais, ao mesmo tempo, e como emisário da luz, o lume desata as forzas enrabechadas da vida e governa o crescimento case temerário do que durante muito tempo (toda unha invernia!) ficou adormecido. Há, portanto, algo de sexual e de erótico nesta festa da primavera.
Acontecimentos míticos de inegável releváncia acaeceron en pleno Beltaine. Foi este o dia escollido polos Tuatha De Dannan para pór pé nas praias do Éire, queimando as suas naos, asentando-ne na nova terra. E tamén en Beltaine acendeu san Padraic o lume pascual no curuto de Tara, desafiando asi os vellos lumes druídicos. Chaira, círculo e lume confluen nesta épica arcaica da labarada.
Todo isto pervive dun xeito ou doutro na Galiza. Coa claridade de Maio recuperamos muitos retrincos da nosa forza criadora. As festas dos Maios, co seu Rei e a sua Raiña. As coplas desafiantes, látego e escarño necesário, feridoras. A festa do Lumepán e a benzón dos campos e das leiras fachuzo en man. Todo supón, dalgun xeito, un anticipo do San Xoán , que é a culminazón, fascínio do dia inacabável, água clara sob o luar. Mais disto e muito máis haverá que ir falando en dias vindeiros...

1 Comentários:

Blogger marykinha disse...

Pois esperemos logo polas seguintes continuacións deste post :P

quinta-feira, abril 26, 2007

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial