Si há
Volveu. E, con ela, unha galerna fresca e revitalizadora axita os alicerces da nosa música nacional, tan dada por momentos a acomodar-se nun estatismo mui pouco san e, desde logo, en absoluto xustificável. Con Si há, Mercedes Peón retoma camiños coñecidos, ensaiados xa con éxito no seu anterior Ajrú mais, se cadra, levados desta vez a extremos e fronteiras que naquela entrega somente se intuían e que agora cristalizan. Un cristal gozoso e traslúcido. O caso é que un recoñece neste álbum os mesmos motivos e obsesóns baixo a voz rachada desta cantigueira de Oza dos Rios emocionalmente enraizada na Costa da Morte. A muller, desde logo, é unha presenza nuclear, central. Cando Mercedes berra, cando emprende a arriscada contorsión de cada copla, notamos cómo é a avoa de sempre, gorda, enfatada de negro, de branquísimas tempas, a que esvara até os nosos ouvidos e pare penedos grandísimos e nocturnos aló mui dentro de nosoutros. Cousas primitivas, que só o granito e a voz compreenden e abranxen. A música de Si há, extrema por vibrante e imprevisível, é unha banda sonora perfeita para a axitazón, para a rebeldia, para refamiliarizar as línguas con fontes e águas que críamos extintas, ou perdidas no corazón do bosque, mais que de cando en cando regresan onda nós, difusas mais recoñecíveis entre os ritmos das ferreñas, dos sachos, por suposto das gaitas. Por vezes, a voz torna-se meridional, case africana, decimonónica, como saída dunha antiga gravazón de comezos de século. Mais, curiosamente, nesta estraña conexión co Mogreb, que a própria Mercedes alenta e desenvolve, latexa unha ligazón non menos surpreendente cos nortes de sempre, con eses cantos irlandeses ao vello estilo (sean-nós) de paralelos estilísticos mui evidentes en todo o arco atlántico. Mercedes Peón non deixa de imitar-lle a Elizabeth Cronin, aquela cantante de Donegal gravada por Alan Lomax e Seamus Ennis, ou a Lizzie Higgins, unha das cantantes predilectas de Martyn Bennett. Todas elas son vozes metalúrxicas, gorxas imposíveis chantadas fronte ao mar e dispostas a pasar-lle revista aos ritmos da vida. Un por un. Porque, como diz Mercedes nunha sua copla, ai agora que estou no certo / ai agora que estou ben / ai agora que estou no certo / ai agora o que direi...
0 Comentários:
Enviar um comentário
Subscrever Enviar feedback [Atom]
<< Página inicial