Apalpando as palavras do salmom

19 agosto 2007

Alan do Pelo Negro

Ainda a risco de perpetuar vellos e errados estereótipos sobre a canzón de amor gaélica (segundo os cais irlandeses e escoceses estavan especializados en cantar a dor e a auséncia; e nada máis lonxe da realidade), quero compartir cos asíduos deste relanzo de lagoa outro tema da tradizón musical escocesa. Intitula-se Ailein Duinn (en inglés, Dark Alan; en galego algo asi como Alan do Pelo Negro), e, por suposto, ten por detrás unha história grande e tráxica. Esa história fala-nos de Alan Morrison, capitán de barco natural da illa de Lewis, unha das que conforman ese marabilloso e extremo arquipélago que son as Hébridas (Inse Gaell en gaélico escocés). Cómpre dizer que a illa de Lewis é o berce do clan Morrison (Moireasdan), hoxe espallado por médio mundo, e que contou con descendentes tan insignes e inverosímeis como John Wayne, cuxo verdadeiro apelido era Morrison. De feito, el definia-se como "un simples mociño irlando-escocés". E é que, con efeito, o protagonista d'O home tranquilo ou Centauros do deserto, entre outros filmes, procedia da rama irlandesa do clan, pois os Morrison, como bos protestantes (a illa de Lewis, en xeral, profesa esta relixión), foron unha das famílias que se instalaron na Verde Illa durante a Plantation ou colonizazón promovida polos monarcas ingleses aló polo século XVII.
Mais volvamos a Alan Morrison. Aló pola primavera de 1788, o capitán partiu desde o porto de Stornoway con rumo a Scalpay, na viziña illa de Harris. Ali o agardava Annie Campbell, a sua prometida, con quen ia casar. Mais, como xa suporedes, unha terrível tempestade irrompe nos mares e afunde o barco do capitán Morrison, con toda a sua tripulazón. Annie Campbell, destrozada pola notícia, compón un lamento estremecedor no que se despide do seu amante, e ao cabo duns meses o seu corpo aparece aboiando non mui lonxe de onde fora encontrado o de Alan. Un relato dotado da contundéncia amarga das boas histórias tradicionais mais, ao mesmo tempo, posuidor dun toque novelesco, decimonónico, exaxerado, que lle dá un estraño encanto.
Un parece enxergar imaxes e motivos da vella poesia céltica, tan lindante às vezes co superrealismo, tan gostosa de vulnerar limites e arrebolar contra o leitor aguzadas palavras.
Ailein Duinn
foi especialmente coñecido grazas ao filme Rob Roy, protagonizado por Liam Neeson, Jessica Lange e Brian Cox. Nunha das secuéncias aparece nen máis nen menos que Karen Matheson, vocalista de Capercaillie. Ataviada coma unha highlander do s. XVIII, da convulsa época xacobita, Karen entoa ante un público silencioso e comovido estes versos fermosos, rotos, case alucinados. No vídeo que acompaña estas letras podeis escuitá-la interpretando este tema. Con razón dixo Sean Connery que a sua voz estava tocada polos deuses...


Gura mise tha fo éislean

Que triste me encontro

Moch sa mhaduinn is mi g'éirigh

hoxe pola mañá cedo.

Ò hì shiùbhlainn leat

Ò hì, eu iria canda a ti!

Hì ri bhò hò ru bhì

Hì ri bhò hò ru bhì

Hì ri bhò hò rinn o ho

Hì ri bhò hò rinn o ho

Ailein Duinn, ò hì shiùbhlainn leat

Alan do Pelo Negro, ò hì, eu iria canda a ti!

(Refrán)

Ma 's'en cluasag dhuit a ghaineamh

Se a tua almofada é agora a area,

Ma 'se leabaidh dhut an gheamainn

se a tua cama son agora as algas

(Refrán)

Ma 's en t-iasg do choinlean geala

Se os peixes son agora as tuas luminosas candeas,

Ma 's e na ròin do luchd-faire

se as focas son agora os teus vixias

(Refrán)

Dh'òlainn deoch ge boil le càch e

Beberia, ainda que o aborrezo xa todo,

De dh'fhuil do choim 's tu 'n déidh do bhathadh

todo o sangue do teu corazón desque afogache


0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial