Apalpando as palavras do salmom

30 julho 2007

De rios e carvalleiras e un monte das Asturies

Serán un dos grupos estrela da vindeira Festa da Carvalleira de Sás, à que, por desgraza e con muita dor de corazón, non poderei acudir. Llan de Cubel, que toma o seu nome dun monte situado nas estremas ocidentais de Asturies (en galego traduziria-se por o Chao de Covelo ou algo parecido), trairán a sua sabedoria e experiéncia às estremas ocidentais dun país irmán do seu, ainda que non sempre ben compreendido da outra veira do Éu, para desgraza de ambas as duas nazóns, que sobreviven ancoradas fronte ao mar maior cun cuitelo de esperanza atravesado entre os dentes.
Esta sensazón de resisténcia colectiva, de vexetazón imensa que medra e pula baixo as tempestades da melancolia imobilizadora, é a que parece desprender-se deste magnífico tema que aqui vos oferezo, tan sobérbia e poderosamente executado. Este Rigu Esva escrito polo padre Galo a comezos do pasado século e ainda hoxe tan vixente. A ambas as duas marxes do Éu.
Xunto cos de Llan de Cubel estarán nen máis nen menos que Solas e Sharon Shannon, unha vella coñecida da música galega, asi como o noso gaiteiro (con maiúsculas) Pepe Vaamonde. Asi que saúde e ledícia para os afortunados que visiten este ano a Carvalleira!

8 Comentários:

Anonymous Anónimo disse...

Gran poeta o Padre Galo, inxustamente descoñecido por aquí e bastante fácil de ler, para nós, na lingua orixinal.

terça-feira, julho 31, 2007

 
Anonymous Anónimo disse...

Partilho essa dor, já que eu tampouco poderei ir...

quarta-feira, agosto 01, 2007

 
Blogger ghuilianxallas disse...

Cantos non somos os que sufrimos por non poder ir... Ademais eu fago boa perda, que os de Llan de Cubel gústancheme ben... Sobre todo "la casa gris". Xa o dí o meu proxenitor: o peor pobre é aquel que nin sequera ten cando gastar cartos. Por certo: ACTUALICEI!!!! Parece incrible, pero despois dun ano volvín as andadas. Non é nada do outro mundo, pero polo menos que ninguén me chame preguiceiro, hehe

terça-feira, agosto 07, 2007

 
Anonymous Anónimo disse...

Grandísima dor e pranto e triscar de dentes por non podermos ir à Carvalleira! E máis este ano, que seica houvo récord de asisténcia (ainda que, a verdade, non sei eu onde ian meter máis xente da que veu estes últimos anos). Llan de Cubel eran o prato forte para min, ainda que Solas e Sharon Shannon... case nada! Que sigan superando-se e que trema Ortigueira! ;-)
Mi madriña, VOLVEU O SUBCOMANDANTE! De koalas e demais xalleiros! Benvido de novo ao blogomilho, meu!

sexta-feira, agosto 10, 2007

 
Anonymous Anónimo disse...

Eu nunca fun (polo de agora) á festa da Carballeira de Zás, en troques si que puiden ver aos Llan de Cubel, para min o mellor grupo de Asturies, destacando tamén aos Tejedor ou Felpeyu, de Llan de cubel, dos que teño varios discos destacaria entre as miñas preferidas "Llonxana", "Tendei las redes" ou "Cabraliega", mireinos en Vilagarcía de Arousa, penso que tamén no Morrazo e en Ortigueira. Por certo, tamén astúres son os Brenga Astur, quizais máis folc-rock pero tamén moi bos.

un saúdo

sábado, novembro 10, 2007

 
Anonymous Anónimo disse...

Breogain, polo que vexo temos gostos mui pero que mui semellantes! Ler as tuas opinións ao respeito é case como estar a ler unha relazón das miñas teimas musicais e culturais máis arraigadas. Muitas grazas, xa que logo, por enriquecer este blogue coas tuas achegas.
Da música asturiana o certo é que ficaria con Llan de Cubel e Felpeyu, sen dúvida, pola poténcia da sua acústica e o tratamento que fan desas melodias ástures, tan sentimentais, tan estremecedoras pola sua rebelde tenrura.
A Carvalleira de Sás é un acontecimento, ainda que recoñezo que a miña opinión está influenciada polo especial cariño e venerazón que sinto por esa Costa da Morte. A edizón do pasado agosto seica non foi nada do outro mundo, mais na anterior tivemos ocasión de escuitar, para que te fagas unha idea, a Lúnasa e a Comas, do melloriño da música irlandesa. E na de 2005, Flook e os próprios Felpeyu. Case nada! Agardamos-te para o vindeiro agosto, Breogain. E trai contigo as tuas xentes de Milidh! ;-)
Kenevò!

segunda-feira, novembro 12, 2007

 
Anonymous Anónimo disse...

encantado de pasarme por aqui de cando en vez, tamén coñecia da Martyn Bennett pero non teño escoitado moito del, estou baixando agora un par de temas recomendados no teu blogue, blackbird e hallaig..un saúdo.

por certo, engadin o teu blogue no blogroll de favoritos do meu.

terça-feira, janeiro 01, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

Graciñas, Breogain. Blackbird e Hallaig, case nada! Ficarás gratamente asombrado co xeito que tiña Martyn de tratar as gravazóns de vozes humanas.
A ver se teño tempo a renovar profundamente o blogue, que tempo vai sendo! Unha aperta

quarta-feira, janeiro 02, 2008

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial