Apalpando as palavras do salmom

23 abril 2007

Relanzo toponímico (con perdón)

Como saben os meus achegados, ultimamente ando enzoufado na elaborazón da miña tesina. Pretende ser esta un índice de toda a toponímia contida na documentazón do tombo de Toxos Outos. Nesta colectánea de textos notariais dos ss. XII, XIII e XIV aparecen nomes xeográficos de todo o arco atlántico galego, pois o mosteiro de San Xusto de Toxos Outos estendia os seus domínios desde a ria de Muros até os confins da terra de Nemancos, e contava ainda con enclaves n'O Salnés, Riba d'Ávia, o Norte de Portugal e a leonesa comarca de Los Oteros. Contodo, desta imensa masa toponímica con que tiven de traballar ao longo do último ano, há alguns nomes que, por motivos diversos, chamaron a miña atenzón. Un deles é Ons, nome dunha freguesia do concello de Brión e que designa a máis unha das illas máis coñecidas do noso litoral. Porén, creo que a orixe etimolóxica do topónimo é distinta en cada un deses casos, se aceitarmos, como xa se ten escrito, que o nome da illa de Ons procede do AUNIOS mencionado no Itinerário de Antonino. A denominazón da parróquia brionesa nos documentos do tombo oscila entre Aoes, Ooes e Oois, variantes estas que parecen conduzir para un mui provável étimo *ANONES. Esta formazón, segundo cremos, é o resultado de lle aplicar à base prelatina *an- ('pántano, trollo') o sufixo xa latino -ONES, que neste caso non ten valor aumentativo, senón (cremos) xentílico, ou sexa, de expresón de procedéncia. Eses *ANONES serian, en definitiva, 'os que habitan na beira do pántano' ou algo similar. Há máis casos análogos ao que veño de explicar: *MALONES, por exemplo, significaria 'habitantes do promontório rochoso' (raiz tamén prerromana *mal-, *mar-), e deu lugar ao topónimo lugués Mos, en Castro de Rei.
Espero que se me perdoe esta estraña irrupzón das miñas paranóias toponímicas en pleno blogue. Afinal vai ser certo que a lingüística (e a onomástica, máis en concreto) non se entende ben coa arxila, o salmón e o outeiro sagrado...
Xuro, en todo o caso, que non se volverá repetir.

10 Comentários:

Blogger marykinha disse...

Dende que te coñezo tesme cada día máis abraiada co das toponimias... non sei como explicalo, pero sabía que as cosas tiñan unha relación, pero nunca comprendía porque ao mellor duas parroquias sitas en lugares distintos e con condicións, aparentemente distintas, compartían o mesmo nome!!!

A ver se atopas algo máis da miña terra, jejeje

Bicos

quinta-feira, abril 26, 2007

 
Anonymous Anónimo disse...

Se o Mos das Rías Baixas ten o mesmo étimo, daría Mons, ou?

quinta-feira, abril 26, 2007

 
Anonymous Anónimo disse...

O MOS das Rias Baixas está atestado nos documentos medievais como MOLAS, ou sexa, remete nen máis nen menos que ao substantivo "moa", aplicado moitas veces a outeiros con cúmios arredondados, talmente como os dunha moa. Naquela zona da Galiza existe a tendéncia a que a terminazón -oa se reduza en -ó (filloa > filló, avoa > avó... como en portugués), de xeito que Moas > Mós.
O étimo MALONES, que deu MOS na Terra Chá, daría evidentemente *MONS no occidente galego, coa súa peculiar formazón do plural.

sexta-feira, abril 27, 2007

 
Anonymous Anónimo disse...

Se a túa teoría vai ben encamiñada, daquela o Mos das Rías Baixas sería Mós, con "o" aberto. O Mos da Terra Chá é pechado, e supoñería un *Maões>Mõs>Mos. A meu ver ten dúas dificultades:
-que efectivamente non apareza es Mons no ocidente e Moes/Mois no oriente do dominio lgco. -e se cadra si?-

-tes algún apoio dunha evolución similar para apoiar ben a pechazón do "o" de Mos? Olla que, aínda que non é igual, nesa mesma zona o "o" de GAUDIANES>Goás -e Goas, como antropónimo, suponse que unha mala transcrición- non se funde co "a", a pesar do hiato, nin se vale doutra vogal (coma en Goiáns). Así que de *MALONES ben se podería esperar Maós, ou? Os nativos dalí pronúnciano moi breve, non coma -na realidade- duplo "a" de Maañón ou Caamaño. Certamente nesa área da Terra Chá tenden a pechar vogais, e daquela tamén podería ser o étimo MOLAS, porque tamén pronuncian "vós " e "nós" pechado.

domingo, maio 06, 2007

 
Anonymous Anónimo disse...

Descoñezo o timbre da vogal tónica do MOS chairego, mais xuraria que a teño escuitado como vogal aberta. Comprovarei-no.
O feito de non atestar-se hoxe *Mons no ocidente non ten excesiva releváncia. O que conta neste caso son as atestazóns medievais, que si as há, e que nos permiten reconstruir o percurso fonético dos topónimos en questón: MOS (Rias Baixas, con /ò/) aparece como MOLAS en muitos documentos, do mesmo xeito que de MOS (Terra Chá, con /o/ fechado) temos rexistos que suxiren o étimo *MALONES. Morfoloxicamente, a máis, é unha estrutura que se repite, e con idéntica significazón orixinal, noutros nomes de lugar. O próprio MALONES existiu na zona de Tui, dando lugar a unha forma *Maloes que, por unha consonantización dese /o/ semivocálico, deu lugar ao actual MALVAS. Os camiños da toponímia son inescrutáveis.
Por outro lado, o fenómeno de crase do hiato /oa/ no galego da estrema suroriental é un fenómeno que se dá cando ese hiato procede da etrminazón latina -OLA (olla os exemplos que puxen no post: FOLIOLA > filloa > fillò, *AUOLA > avoa > avò, etc). Noutras zonas da Galiza (área dialectal lucu-auriense) o que sucedeu foi a conservazón do hiato, mais con hiperbibasmo (deslocazón acentual), de xeito que de CAPRARIOLA temos hoxe CABREIROÁ (non CABREIROA), e similares.
Quero dizer, en definitiva, que o exemplo de GOÁS, portanto, non é pertinente neste senso.
Por outro lado,tampouco a pronúncia dos pronomes persoais tónicos "vós" / "nós" pode relacionar-se con estes fenómenos de feche/abertura, pois esa pronúncia fechada é a etimolóxica (no resto da Galiza esa vogal tónica abriu por influxo dos posesivos correspondentes, "noso"/"voso", que teñen vogal aberta), e deve vincular-se pois ao conservadurismo típico desa zona do norleste lugués, mui palpável precisamente no mantimento de timbres vocálicos etimolóxicos, sen metafonias nen inflexións doutro tipo. Non é que fechen vogais; é que son os demais os que as abren.
Graciñas polos teus comentários, que tanto enriquecen este blogue. Espero seguir contando con eles!

segunda-feira, maio 07, 2007

 
Anonymous Anónimo disse...

Non, se a riqueza é a miña, polo que aprendo. De todas as maneiras:

"O próprio MALONES existiu na zona de Tui, dando lugar a unha forma *Maloes que, por unha consonantización dese /o/ semivocálico, deu lugar ao actual MALVAS."

Sería impertinente discutir o que mal sei, pero *Malões, que sería a forma seguinte, nasalizaría ou ben o "o" ou ben o "e", non? Os resultados esperábeis non serían Maóns ou Maéns? Outra cousa sería que mutase a "u", iso si, pero coa nasalidade vexo difícil o Malvás, porque pecharía a vogal seguinte. Son preguntas... Non podería contaminarse a forma etimolóxica, por esquecemento do significado orixinario, con outra palabra? Grazas polas explicacións.

segunda-feira, maio 07, 2007

 
Anonymous Anónimo disse...

Muitas vezes, a toponímia oferece-nos resultados inesperados, que rompen a previsível regularidade fonética. O caso de MALOES > Malvas seria un deles. Excepcional, mais non imposível. Un /o/ en posizón de marxe silábica (semivogal, para entendermo-nos), pode dar o paso e consonantizar con certa facilidade. Repara, p. ex., no duplete PAULO / PABLO, que se explicaria asi. Se a documentazón antiga certifica ese cámbio (como parece ser o caso),resolve-se o problema.
Dás no cravo cando falas de "contaminazón con outras palavras", porque iso (a interferéncia léxica, a asociazón etimolóxica, etimoloxia popular... como quixeres chamar-lle) é unha forza de máxima importáncia na evoluzón dos topónimos, e mui seguramente está detrás de MALOES > Malvas. Fonética e asociazón etimolóxica interactuan e condicionan-se mutuamente. Há muitísimos casos destes na nosa toponímia. Ocorre-se-me, p. ex., o caso de SANAMEDIO (< San Mamede), reinterpretado polos falantes como un SANTONOMEDIO (sic), ou os muitos casos en que raízes prerromanas, carentes xa de significado para os falantes romances, se asócian con lexemas que estes si coñecen.

terça-feira, maio 08, 2007

 
Anonymous Anónimo disse...

Pois moi agradecido polas explicacións. Que teñas sorte no traballo, saber desde logo non che falta.

quarta-feira, maio 09, 2007

 
Blogger ghuilianxallas disse...

Eu, certamente, quixera opinar neste blog como tanto teño feito no pasado, pero a verdade é que o nivel dos post e comentarios incrementouse tanto para ben dende aqueles saúdos e piques endogámicos do principio que muito me temo que vou ter que repasar os meus apuntamentos de gramática histórica antes de abrir a boca. Ulmo, por favor, escribe algo de música tradicional, hórreos ou algo así no que eu poida meter baza sen quedar mal, home.

terça-feira, maio 15, 2007

 
Anonymous Anónimo disse...

Meu aprezado Subcomandante, tes ti material avondo nesa cabeciña privilexiada como para opinar, cuestionar e mesmo rebater todo canto neste blogue vou "adependurando". Mais os teus desexos son ordes; a ver qué podo meter por aqui de música tradicional... as novas aventuras de Merche co sacho mi-di, por exemplo?

terça-feira, maio 15, 2007

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial