Setanta ou elóxio dos camiñantes
Encanta-me esta foto. Descobrin-na na exposizón permanente sobre etnografia da Costa da Morte que puden desfrutar no castelo de Vimianzo. Desde há un tempo, o tema da peregrinaxe abriu-se paso entre as miñas teimas paulinas, entre as miñas particulares mitoloxias. Supoño que, como tantas outras cousas que bolen no meu caletre desordenado, tamén esta a fun construindo pouco e pouco, a golpe de versos e de camiñatas e de tardes estremecidas. Como no poema de Heaney: ao carón da estrada, paralelo à estrada, un vello camiño de peregrinazón (aonde é que levará? A Croagh Patrick? Ao Pico Sagro? À morada de Donn ou Manannan ou Senandré de Teixido?). Reparastes nos camiños? Pois reparade. Ben o dixo Otero Pedrayo: non hai marca máis comovedoramente humana na paisaxe que o camiño.
Os homes seguen sendo homes, e abren a cancela, agarran a vara de abeleira e camiñan. Ou camiñamos. Tripando pasos antigos (Estou tocando maos de mortos, falou pai Novoneyra). Atados por cen mil cadeas que irrompen desde a carne dunha língua máxica, esa vella máxia dos lazos. Noutrora seria a língua de Lug conduzindo à batalla, à chaira, ao curro. Sexa como for, é asi como camiñamos e ben é que ainda hoxe necesitamos do ascenso aos outeiros que foron máxicos e bretemosos desde o comezo. Eu digo Muxia, Senandré de Teixido, San Ronan de Loc-Ronan (sempre Bretaña!), Station Island... Ver cousas, mastigar cousas, sentir cousas e todo iso paso a paso.
Hai mellor metáfora do que deveria ser a vida? Setanta.
0 Comentários:
Enviar um comentário
Subscrever Enviar feedback [Atom]
<< Página inicial