Apalpando as palavras do salmom

09 março 2006

Pasión de medievales (e II)

Sen dar-me de conta publiquei catro vezes o post anterior. En fin, considerade-o como resposicións do primeiro capítulo ;-p
Estávamos coa pobre Bea nun penedo en meio do mar, cercada das ondas, ameazada dos ventos, e sen unha má baralla de naipes coa que polo menos entreter-se fazendo trucos de máxia. Que se fai nestes casos nas Cantigas de Santa Maria? Invocar a Virxe, claro. E a Virxe baixou e mentres a Bea estava a dormir deixou-lle baixo da cabeza unhas ervas máxicas que lle curaron a fame e a salvaron da inanición. Ao dia seguinte viu chegar un barco carregado de romeiros, que o autor define como chëo de gente bõa, que nõ auia ý mouros nen judeus. Lembremos que os que lle fixeran as perrerías máximas à pobre Bea (o Imperante, o irmán do conde...) non eran precisamente mouros nen xudeus, senón cristiáns de pedigri e misa diária. En fin. Que cando a Bea toca terra comeza a curar gafos (leprosos, apestados) con esas ervas máxicas, e chega un dia en que a chaman da corte para que sande o irmán do Imperante. Morbum habemus! A Bea, demonstrando que era chica espilida e que sen dúvida tiña estudos superiores, puxo-lle como condición ao Imperante que seu irmán confesase todos cantos pecados cometera na sua (supomos) curta existéncia. E non pensedes que tiña de confesá-los diante do párroco de Vite, eh? Nada, nada: confesión diante do apostoligo (= o Papa). Cando o irmán contou o que lle fixera à Bea, esta deu-se a coñecer, sandou-no, e ante as súplicas do Imperante para que o perdoase e voltase ao seu carón, a Bea manda-o a cazar gazafellos e ingresa en orde de monxas, onde supomos que ainda hoxe seguirá, curando gafos, rezando rosários e rexeitando os amores de canto varón asexe por entre os mirtos do convento.
Espero que vos gostase. Para a vindeira semana, un novo episódio desta Pasión de medievales. E a ver se topo algunha cantiga que me permita fazer un remake de Aquí no hay quien viva, que teria o seu chiste.

2 Comentários:

Blogger marykinha disse...

Avisame cando sexa a próxima entrega de pasión de medievales... jajaja hai que recoñecer que o tes moi currado, aínda que tamén pode influír que eu nunca nunca escoitara tal cantiga.
Mil bicos!

sexta-feira, março 10, 2006

 
Blogger ghuilianxallas disse...

Eu xa estou traballando na banda sonora das dúas producións. A de paixón de medievais diría tanto coma: "Quen é o Cavaleiro, que me olha e tirame o elmo etc". A outra sería: "Aquí, aquí, aquí non hai quen escriba, que lio, que lio, que lió coa grafía yeeeeeeeeeeeeeh"

terça-feira, abril 18, 2006

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial