Pasión de medievales (I)
Un ten a intuición de que xa os nosos devanceiros máis recuados tiñan acceso a dramóns tipo película de Antena 3 para a sobremesa dos sábados. Só asi me explico a cantiga que estou a corrixir, unha das de Santa Maria, que non me resisto a fazer constar aqui. A emperatriz Beatriz fica ao cuidado do seu cuñado, unha vez que o seu esposo o Imperante marcha à Cruzada. Evidentemente, sendo Beatriz prodíxio de beldade e santidade e todas cantas virtudes imaxinedes rematadas en -ade, tiña que pasar isto: "Depoilo emperador se foi a mui pouca de sazon / catou seu irmão a ssa moller e namorous'entõ / dela e disselle que a amaua mui de coraçõ / maila santa dona quando ll'oyo dizer tal traiçon en hua Torre o meteu en muy gran prijon / jurando muito que o faría ý morrer." Dito en roman paladino, a santiña tomou o da sanha do amor cortés ao pé da letra. Menos mal que as mozas de hoxe en dia non se poñen tan farrucas ante unha declaración de amor (ainda que supoño que haverá de todo, e quen sabe cantos amantes non hai por aí fechados en rochos, palleiras e cortellos por ousaren declarar o seu amor...). Pero non, non pensedes que a Bea vai de mala nesta cantiga; todo o contrário. O cuñado logra escapar, difama-a ante o Imperante e este, furioso, acuitela-a e manda-lle aos seus monteiros que se desfagan dela no monte. Os monteiros están a piques de violá-la cando chega un conde, rescata-a e pon-na ao cuidado da sua crianciña. Va que non adiviñades? O conde tiña un irmán e... si, o irmán declarou-se-lle à Bea. A Bea, genio y figura hasta la sepultura, rexeita-o (comeza a recordar-me à rubita do outro dia no Apolo ;-p) e o conde mata o bebé e acusa da sua morte à pobre muller. Os condes, claro está (o sangue tira e parir paren as cabras no monte) cre a versión do irmán e manda que abandonen à Bea nun penedo en meio do mar (e cercaron-m'as ondas, que grandes son...). E nestas estava cando fixeron unha pausa para a publicidade...
0 Comentários:
Enviar um comentário
Subscrever Enviar feedback [Atom]
<< Página inicial