Compostela Píscis
Dia interesante no ILG, polas descubertas e os coñecimentos. Para comezar, entre Varela e eu chegamos à conclusión de que un documento dunha colección notarial editada por Salazar tempo há era máis falso ca un peso de cartón. A primeira sospeita, a presenza dun galicismo como barril nun texto datado no s. XIII. Mais curiosamente, unha vez lido e relido o texto, a questón barrilesca resultou ser pataca minuta (Caneda o Sábio, grazas por esta perla do latin macarrónico). Porque despois aparecian formas verbais refeitas como estederun ou estedo, verdadeira lección de amálgama morfolóxica. E, procurando-lle xa o terceiro pé ao michiño de rigor, Varela fixou-se nunha palavra tan discreta como panadeiros, porque resulta que, en toda a documentación medieval disponível, a palavra predominante a légoas e légoas de distáncia é a forma feminina: panadeiras. A masculina, ainda na nosa língua moderna, é tan escasa que non se documenta até finais do s. XIX, segundo parece. Portanto, típico ofício no que, por vontade própria ou polas circunstáncias da vidiña esta, foron as mulleres as que se viron especializadas. Avélix, especialista en cantigas populares, corroborará supoño o esmagador predomínio das panadeiras (face às suas meias laranxas) nas nosas coplas tradicionais. Conclusión: texto falso. Hipótese máis que plausível: un novo golpe dos inefáveis irmáns Boán (si, os mesmos, os da Crónica de Don Servando). Varela contou-me a história desa peculiar família (probabelmente de xudeus conversos), e a verdade é un máis deses episódios novelescos que salfiren a história da nosa língua e literatura. A falsificación de documentos medievais era a verdadeira especialidade deste par de espilidos lugueses (da raia con Ourense) que non escatimavan médios para fazeren críveis as suas proezas: pergameo, deterioro consciente dos textos... Unha xoia kitch, vamos.
Logo apareceu Manuel González e obrigou-nos, coa sua habitual irrebatibilidade, a tomar o café ritual no Jacobus. Un candidato a ese trono que tantas intrigas e desconcertos suscita ultimamente: o de Política Lingüística.
Para rematar, notícia dun congreso de língua e cultura galegas en Bahía(Brasil), e Varela que me propón ir preparando algo para tal evento. Reacción miña, a esperável: cara de incrédulo recalcitrante. O congreso é de hoxe nun ano: a favor, o tempo e tempo que teria para pensar nalgo e articulá-lo dun xeito... minimamente decente; en contra, o 90% de posibilidades de que a cousa fique "em água de bacalhau" (nun ano pode pasar de todo, e Varela é un protótipo de bonachón olvidadizo: forgetful good man). Deus e o Ministério dirán...
E entre tanto, Santiago relembrou a chúvia e as tellas recobraron o brillo líquido dos comezos do outono. Dizia Cunqueiro que, despois de pasar o monzón por Bolanda, o mundo era o mesmo e, porén, totalmente distinto. Algo asi pode dizer-se desta Compostela húmida que nos atravesa con ese algo de melancolia e ese algo de ledícia vella. Un chocolate no Maycar en boa compaña redondeou este dia.
PD: Non, non, a boa compaña non eran os irmáns Boán. Ainda que me encantaria convidá-los a unha cañola (ou duas). Merecen-no. Dia das Letras para eles, pero xa!
2 Comentários:
imos ver: Se Cunqueiro escribe o seu nome en árabe e se sitúa nun país árabe tamén como "cronista oficial" de Simbad, e o comemos con patacas, estes tíos non merecen o día das letras, estes tíos o que merecen é o nobel de literatura. Que non vos pareza moito, que llo deron a Camilito, si, xa sabedes, o tío que escribira un libro que, polo título, parecía de temática oriental polo menos e resulta que falaba do buxo. Manda carallo.
p.d. propoño nombrar eses irmáns con tanta imaxinación e dominio da codicoloxía (o tratamento do soporte do texto era a súa especialidade) patronos de filoloxía e membros honoríficos (pero sen honorarios) do LICRa. Votos a favor? En contra? Abstinencias:-)?
segunda-feira, setembro 12, 2005
Eu xa lle dixen a Varela que deveríamos promover desde o ILG a construción dunha estátua en pleno centro do Obradoiro, mais a sua reacción foi mui similar à que suscitou aquel Subcomandante Marcos cando berrou en plena Asemblea de Estudantes: "Hai que fazer un feche na Catedral!".
Pois iso
segunda-feira, setembro 12, 2005
Enviar um comentário
Subscrever Enviar feedback [Atom]
<< Página inicial