Apalpando as palavras do salmom

08 agosto 2005

Mõgia, 1909

Hoxe descobrin nos andeis do ILG unha edición facsimilar dunha revista galega en La Habana, Airiños d'a miña terra. Típico exemplo da nosa imprensa da diáspora naqueles comezos de século, pola língua, polos conteúdos... Chamou-me especialmente a atención un conto da autoria de Labarta Posse (poderei chamar-lle paisano? cando menos por parte de mai...) intitulado "Sacar os demos do corpo ou unha romaria á Barca". Como se advirte, é un relato en clave cómica dunha peregrinaxe dun tio e o seu sobriño à Virxe da Barca. O relato, na liña popularista (e popularizante) da época, non é nada do outro mundo en canto a calidade literária, mais para min ten atractivos inegáveis. Comezando pola progresiva descoberta que o sobriño (a xeito de Virxílio na Divina Comédia) vai fazendo-lle ao tio dos lugares e ritos da peregrinaxe: aparecen aí Ponte do Porto, o faro de Camariñas, BAMIRO! (a onde ia coser-lle ao cura a tia de Varela, nen máis nen menos), por suposto Corcubión... O tio reaxe ante todo con asombro: ante a visión do mar desta as alturas, ante o raxo (sic) de luz do faro, ante as prodixiosas pedras... Algo há neste tipo de histórias que me magnetizan: as numerosas grallas ortográficas e tipográficas, a inxenuidade, a língua... mais tamén a evocación de xentes en branco en negro achegando-se ao cabo do mundo, como nesas fotografias que teño da Pedra dos Cadris e da Pedra do Timón, ambas as duas de 1920.

Dixen que a comicidade estava presente en todo o conto, e velai vai un exemplo que ben daria para prologar un tratado de sociolingüística: ante o prodíxio da Pedra de Abalar abaneando-se baixo o peso de cinco persoas, un señor embimbado exclama: "'Esto es un feno-demo de la Naturalesa!". Ante o que o protagonista da historia di: Eu non entendía mui ben o que quería dicir, mais rosmei antre min: -¡Non, esto non é cousa da femia do demo! (...).

Delicioso, non si?

2 Comentários:

Blogger ghuilianxallas disse...

Igual meto a pezuña no medio e medio da poza, mas se non me equivoco, o texto ese teñoo eu en dobre edición. Unha delas é moi cutre (colección 120, non vos digo máis), mas a outra é a millor que se pode ter, xa que ou o Labarta arrasaba pola miña zona (hipótese non improbable por proximidade xeográfica) ou o que fixo o espilido soneirense foi adaptar un conto popular que a min me contou, viva voce, a miña avoa. Hai millor edición que esa?

terça-feira, agosto 09, 2005

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Decanto-me, benquerido amigo, pola segunda opción, pois como digo o conto este ten fasquia popular en todos os sentidos, e ainda diria máis, parece un conglomerado de várias anedotas que ben poderian escuitar-se-lles de xeito isolado aos que van en peregrinaxe à Barca. A máis, o Labarta asina a narración, mais di que lla encarregou un tal "tio Farruco", o cal redunda no anterior.
Máis nada e como berrou a Merche na Carvalleira VIVA SONEIRA!!!

quarta-feira, agosto 10, 2005

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial