Últimas novidades sobre o LICRa
Segundo lle confirmaron onte a quen asina este blogue, o LICRa tivo bastante éxito nos círculos filo-filolóxicos máis extremistas. Ao que parece, o movimento Gheada Sen Fronteiras (GSF), coñecido pola especial intransixéncia do 50% dos seus dous membros (o temido Subcomandante Xallas, de nome Ghuilian), manifestou a sua adesión incondicional à causa representada polo LICRa, e xa puxo a disposición do mesmo o seu nutrido arsenal, co cal luitou durante os 5 últimos anos polo seu obxectivo irrenunciável: o desprazamento en dirección Oeste > Leste da isoglosa da gheada, en calquer das suas posíveis manifestacións fonéticas, desde a fricativa velar máis radical até as solucións aspiradas máis ou menos eufónicas. Entre os seus actos máis memoráveis estivo o boicote realizado contra as obras de J.L. Pensado (en paz descanse e ben mantido), coñecido por defender a orixe castelá do fenómeno en cuestión, e a proposta de canonización de Antón Santamarina, insgine valedor da hipótese contrária. De feito, suspeitamos que foi a filtración desta nova (a incorporación do GSF ao LICRa) o que levou a extremar as medidas de seguranza no acto de toma de posesión de Touriño, apesar da trégua anunciada polo LICRa con motivo do mesmo.
Iso si, as mesmas fontes garantiron que desde hoxe mesmo activistas do LICRa comezaron a infiltrar-se no novo Parlamento, na Xunta e na própria residéncia presidencial, camuflados dos máis diversos e improváveis xeitos. De momento limitarán-se a dar parte do grau de corrección linguística observado neses lugares; en función do resultado dos informes, as accións do LICRa serán máis ou menos contundentes. Agardemos a ver, que a cousa pinta guapa.
Saúde e heptavocalismo tónico para tod@s!
0 Comentários:
Enviar um comentário
Subscrever Enviar feedback [Atom]
<< Página inicial