O mito do bon selvaxe
Os irlandeses non podemos ser racistas. A Guinness é negra.
Certamente un comeza a estar máis ben fartiño dese resorte xenófobo que no momento menos esperado parece activar-se inclusive en persoas de aparente bon xuízo. Cando salta o devandito resorte, a boca do suxeito en cuestión comeza a derramar argumentos tan patéticos que ben poderian figurar nesa tantas vezes adiada antoloxia do disparate. Refiro-me a un que veño de escuitar hoxe mesmo e que non por reiterado deixa de ser curioso e digno de comentário (e até de deconstrución). Falava o sr. X de que os imigrantes non deixan nada no país (esa España con E mui maiúsculo), porque todo o envian para os seus respectivos fogares, para as suas respectivas famílias. O sr. X matiza rapidamente que el está de acordo con esa atitude, porque ao fin e ao cabo os nosos (aqui devemos entender os galegos) fazian outro tanto cando se botavan polas ruas de Buenos Aires, de Montevideo, de La Habana. Entra entón o sr. Y e introduz máis un matiz, espectacular pola sua coeréncia interna, pola sua contundéncia, pola sua verdade, vamos: os nosos (entenda-se de novo os galegos) ian traballar, con contratos sérios e legais; os de agora (marroquinos, romaneses, portugueses inclusive!) non traballan, van polas feiras vendendo quincallada barata, que iso non é digno home! Non, os nosos ian traballar. Nese momento sentin gañas de dizer-lle a este locuaz historiador da diáspora que as primeiras remesas de emigrantes galegas eran carne de prostíbulo bonaerense, como ben lembrava Seoane nun deses longos e prosaicos poemas que, non obstante, contiñan a sua verdade. Sentin gañas de fazer-lle unha rápida semblanza dos ananos de Celso Emílio, aqueles tendeiros curtidos na máis vil exploración do próximo. E de aí para adiante.
Pero o máis desalentador é que ese sr. Y, como bon galego, saberia dalgun xeito, retranca mediante, devolver-me todos eses uppercut. Subirian-se-me as cores e todo voltaria ao comezo. Desesperante! Somente lle pediria que por favor, se quer camuflar esa vea xenófoba, se quer marcar distáncias entre a nosa pobreza e a dos demais, por favor, que busque escusas menos patéticas. Que se dedique un dia ou unha tarde a ler un pouquiño a Núñez Seixas, ou a Barreiro Rivas ou asi, e que madure un chisquiño os argumentos.
A ver se asi...
0 Comentários:
Enviar um comentário
Subscrever Enviar feedback [Atom]
<< Página inicial