Apalpando as palavras do salmom

01 agosto 2005

1 de Agosto, Lugnastada

Por certo, esquecia-me que hoxe, 1 de Agosto, corresponde-se no calendário celta con Lugnastada, ou sexa, o que veñen celebrando os amigos irlandeses como Lúnasa (palavra que precisamente adquiriu en gáelico o significado Agosto) e os amigos da asociación Auruxeira de Bretoña como Lug Nasad. Ainda lembro cando nos informativos locais falavan dunha festa en honra ao deus celta lugués Lug (sic). Evidentemente, pouco ou nada ten a ver Lugo, mui ao noso pesar, con Lug, mais en fin...
Lugnastada. A grande festa céltica, xunto con Samhain (=Defuntos), dedicada a un deus que venerou toda a Europa, desde a nosa Fisterra até os páramos da Boémia: o deus Lug Lamfada, alcumado Samildanach (=O Artesán Múltiple) porque reunia na sua persoa as habilidades de todos os restantes deuses. Músico, mestre da harpa, mago, condutor de exércitos (à batalla e tamén ao Outro Mundo, que de aí vén a nosa Compaña ou Estantigua=Hoste Antiga; en Escócia Sluagh=Exército do Alén). A Lug lle está consagrada esta parte luminosa do ano que hoxe comeza con Lug Nasad, pois non en balde o seu nome significa precisamente iso: Luz, Luminosidade. É Lug quen estabelece o 1 de Agosto como data para a asemblea dos homes livres, en honor a sua mai, Tailtiu/Carman (a Terra).
Estando como estamos nunha terra marcada polo que alguns chaman imobilismo atlántico, non será preciso insistir en que todos os ritos e celebracións que marcavan antigamente esta festividade perviveron dalgun xeito na nosa tradición: as rapas da bestas (en lugares de nomes tan significativos como Candaoso ou Campo do Oso, por ser o oso o animal totémico da realeza céltica, vinculada asemade à figura de Lug como deus de deuses), as inúmeras romarias que salfiren o noso mes de Agosto (hoxe mesmo San Fins do Castro; o do berro seco é un invento de onte, mais é certo que San Fins foi un santo mui solicitado à hora de suplantar o culto a Lug), a própria festa de Santiago Apóstolo (inicialmente celebrada no outono, mais desprazada às imediacións de Agosto para cumprir unha función similar à de San Fins), etc. E por suposto a feira e a asemblea, a alegria da multitude congregada, o recendo da boa cervexa e da boa comida, que iso tamén era Lug Nasad (os celtas parecian-se-nos muito máis do que pensamos).
Asi que bon Lugnastada a todos. Os que o celebren entoando o berro seco en San Fins do Castro, ben feito. Outros, se todo vai ben, procuraremos un outro oenach, un outro lugar da asemblea non mui lonxe daquel: a Carvalleira de Sás. E que Lug ilumine a borracheira (se a houver)

1 Comentários:

Blogger ghuilianxallas disse...

E aínda haberá quen, lug nasad á cabeza, vaia hoxe ao san fins e o sábado moi de noite (ao remate das miñas xornadas laborais de oito horas, dúas veces ao día) a ver como lle dá merche ao sacho midi en sás, tamén deus mais non celta. Como colofón ao comentario, imponse unha copla:
PENSA MIÑA NAI QUE ESTOU UI UI AI
PESCANDO NA CARBALLEIRA
E ESTOU NO SAN FINS DO CASTRO...
BAILANDO UNHA MUIÑEIRA

segunda-feira, agosto 01, 2005

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial