Apalpando as palavras do salmom

04 agosto 2005

De cando Valério coñeceu a Pero Meogo

Non há muito tempo, o colega Uz, sabedor de que andava involucrado até as cellas no celebérrimo traballo de História da Língua, perguntou-me se por casualidade coñecia a orixe do topónimo Ver (ollo! con è aberto), especialmente frecuente na nosa província (há un Ver en Prevesos, lugar natal do devandito Gê, e ainda tamén, para a miña surpresa, na própria paróquia de Cela, en Outeiro de Rei, pátria de meu avó). Eu, cuitadiño, avondo tiña con enfiar as inúmeras cadeas fonéticas da Cantiga 209, e, perdido como estava entre o po e a letra de molde dos nosos dicionários e gramáticas históricas, non tiven tempo nen excesiva preocupación para a Cuestión Ver. Mais hoxe, sen quere-lo, reencontrei-na nun manual de toponímia portuguesa que andava a mirar sen especial interese, por descansar un pouco a vista, e ó certo é que a orixe do topónimo resulta tremendamente óbvia. Trata-se de máis un topónimo referido a un posuidor, neste caso (Villa) Valerii, coa simplificación do -ii final (-ii > -i > -e, por ser postónica final; logo sufre apócope) e os cámbios vocálicos resultantes da síncope do -l- (Vaer> Veer> Vèr, con vogal aberta explicável pola crase). Asi de sinxelo, miren vostés. Evidentemente, e como saberán os meus prezados colegas de sofrimento en Gramática Histórica, é a mesma evolución que teria de constatar-se nun verbo formalmente case idéntico a Valerii, como é VALERE, mais aqui operaron factores mui fortes que impediron a consolidación desa cadea e garantiron o mantimento do verbo case que coa sua forma latina (VALERE> ... > vèr, mais a analoxia coa VT dos restantes verbos da CII levaria ao feche dese [è], co cal chegaríamos a unha incómoda homonínimia ver~ver). En fin, que os numerosos lugares denominados Ver remiten a un paisano chamado Valério que nalgun tempo ou foi mui importante naqueles lares ou sinxelamente era o señor e proprietário dos mesmos, se é que unha cousa non leva à outra (Cacharro, Baltar e especimes da mesma corda).
Outra palavra con que me reencontrei nos meus escasos intres de lazer é Meogo~Moogo, antropónimo (aí está o meu querido Pero Meogo, tamén mui ben coñecido polo camarada Xallas, creo ;-) mais tamén nalguns casos topónimo (en Lourenzá, por exemplo). Nun texto notarial do Minutário de Ponte Vedra aparece Juan Mogo, ou mellor dito, aparece a viúva do mesmo. Cabeza Quiles, neste sentido, remite o termo a MONACU- ('monxe', de onde curiosamente o nome do míni-estado mediterráneo que usufrutuan os Grimaldi e demais mafiosos polo estilo), e de feito esta idea foi esgrimida para defender que o citado Pero Meogo era un clérigo, quizá abade en Banga (O Carvalliño), segundo se quixo deduzir dalguns documentos. Mais xa Ferrin, na sua clásica edición da obra deste poeta, cuestiona tal hipótese e procura-lle un outro étimo, MEDIO LOCULO ('no meio?, ou aplicado a unha persoa, 'o do meio', en relación à série de irmáns de que formaria parte), que ao meu xuízo resulta máis convincente, e a máis cadra mellor co uso do vocábulo como topónimo, tal e como dizíamos. Claro que a imaxe dun orondo abade compondo no seu scriptorium esas magníficas cantigas namentres observa pola ventá o paso dos cervos no atardecer tamén ten o seu encanto, non o vou negar, e case constitui un argumento de tanto peso como calquer outro que pudese dar-se desde a linguística máis quimicamente pura.
Mais ainda no caso de poder-se retrotraer Mogo~Meogo a MONACU, iso non teria de implicar necesariamente que o noso poeta fose monxe, clérigo ou similar; poderia tratar-se dunha alcuña fixada como apelido, e transmitida logo à prole, como ocorreu con Formoso, Feote e tantos outros. O que ocorre é que aos filólogos gosta-nos pensar que estamos a surpreender sempre o momento inaugural das cousas, dos nomes, das palavras, e por suposto nen sempre é asi. Por desgraza.

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial