Merlin e família e demais família
Muitas gañas, un dia chuvioso e unha gratísima compaña. Tres ingredientes perfeitos para gozar da exposición que o Consello da Cultura organizou no Museu do Povo Galego co gallo do 50 aniversário do Merlín e familia. A exposición en si é unha marabilla, xa desde esa espécie de túnel do tempo a meia luz que atravesamos na entrada. Un estremece-se diante da enorme mesa na que o mago dos magos, druída no início das palavras, dispuxera os seus ingredientes e obxectos impregnados da vida que un desexaria para si. Música de Berrogüetto de fundo. Logo, a máquina de escrever de Cunqueiro, fotografias familiares e de amizades, o tacto e o ulido das mazás guindadas polo chan, un aquel de outono que se espreguiza. A sala dedicada ao mito do Merlin é impresionante, coa cópia portuguesa do Livro de Merlin no centro exacto dunha enxurrada de imaxes e evocacións que para un artúrico estremecido coma as camelias como eu son resultavan case dolorosas polo inesperadas. Por certo, para botar uns risos a versión en deseños animados do sochantre; un non sabe se vai ver un filme baseado en Cunqueiro ou a versión brezoneg de Matrix Reloaded, mais iso si, a rosa tripada polo esquelete, o calvário a carón do que a vella prende círios e a dilixéncia dos defuntos (o Ankou, meus señores, o carro dos mortos!)... son detalles que non deixaron pasar. E agradece-se! En fin, unha delícia. Mais claro, ir ao Museu do Povo Galego e non perder-se polas múltiplas salas é un pecado sen perdón. Há duas que me deixan sen alento: a dedicada à música tradicional e a que compila os grandes trazos da identidade galega nunhas poucas amostras. Ver cédulas de identificación de emigrantes, co seu nome, apelidos, co seu rosto demacrado ou surpreendido... iso non ten prezo.
Nen que dizer ten que servidor volverá, ben armado coa sua cámara e presto a compilar as mil e unha imaxes que, de Merlin às jamelas, me asaltaron nesas duas ou tres horas de traxecto.
1 Comentários:
mi madriña!!! que volva o sol que a xente empézase a poñer profunda... Nada, meu, que a expo debe ser interesantísima e vai haber que ir alá...
segunda-feira, novembro 07, 2005
Enviar um comentário
Subscrever Enviar feedback [Atom]
<< Página inicial