Apalpando as palavras do salmom

07 julho 2008

Fala de barcos!

É unha expresión cuxo significado me quedou mui claro ao longo dos anos da carreira. Cando alguén fazia un comentário pedante, inconveniente ou fóra de lugar, sempre havia un interlocutor (xeralmente o amigo Avélix do Xallas) que puña as cousas no seu sítio cunha contundente aseverazón: Fala de barcos, ho!
E o certo é que toca falar de barcos, pois, como nos viñeron lembrando nas últimas semanas, Galiza vai ser o país convidado nun dos grandes eventos marítimos existentes no mundo: a Festa Marítima Internacional de Brest. Toda unha honra e un priviléxio que os compoñentes de
NaBeira xa se ocuparon de ir difundindo polas vilas e localidades galegas ao longo do último ano. Os nosos representantes acudirán a esa pequena capital da Europa Atlántica, en pleno corazón do Ar Mor bretón, para dar a coñecer a riqueza das nosas embarcazóns tradicionais e para lembrar-nos que, como dixo Cunqueiro por boca de Sinbad, no mundo nada hai de marabilloso desde o momento en que podemos andar polo mar adiante nun atado de távoas (cito de memória).
Ali estarán, por exemplo, os botes polbeiros característicos de Bueu e empregues tamén polos polbeiros da arcaica e estremecedora illa de Ons. Ou as dornas, embarcazóns emblemáticas onde as houver e cuxa conexión cos curraigh irlandeses xa puxera de relevo no seu momento Alonso Romero. E se falamos de dornas, haverá que sinalar aqui as lizgairas dornas mecas próprias, como o seu apelido indica, de Ogrove. Tamén avanzarán por riba das bretoas águas os botes trincados, que noutrora fazian a arriscada ruta entre Laxe e Ribadéu, ou os próprios botes de Ribadéu, dos cais ainda fican alguns artesáns perto de Castropol. Mais eu gostaria de citar aqui os batuxos, até non há muito tempo utilizados nas luguesas Terras do Miño para cruzar xente e mercadorias dunha beira à outra do rio de todos os rios. Lembro eu ainda, de feito, a un dos derradeiros barqueiros de batuxo, o António das Hortas, da parróquia de Cela (Outeiro de Rei), falecido non há muitos anos, home riseiro, amigo dos chistes subidos de ton e do bon viño en vaso grande. Como tamén acorda meu pai ao Dositeo, aquel home que manexava a barca talmente coma se os remos fosen prolongazón dos seus próprios brazos, e que mesmo nos dias de máis tronada e águas revoltas era quen de pasar as boas xentes de Cela à beira de Damil, aonde acudian à festa. Que asi foi de feito como se coñeceron meus avós, batuxo mediante.
Haverá que estar atentos pois à sorte das nosas cascas de noz. E haverá que tomar este evento como unha chamada de atenzón para non deixarmos esmorecer un dos nosos patrimónios máis rico e menos coñecido.


Bote polbeiro (Bueu)

Batuxo do rio Miño

Gamela coruxeira (Coruxo)

4 Comentários:

Anonymous Anónimo disse...

Eu contentareime con ir á Mare (A festa do mar) que teño ao carón da casa, no costeiro pobo de Combarro (Poio), unha mostra e unha concentración de numerosas embarcacións tradicionais galegas e de algúns outros lugares, algún ano houbo aqui barcos bretóns coido.

Un saúdo Ulmo :)

segunda-feira, julho 07, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

E a miña cabeciña, que anda medio estraghada, o que fai ao ver isto é viaxar cara a Muxía, onda o meu tocaio´, que nos repite unha e outra vez a berros:

"Oes rapás! E logho ti non sabes cantas brasas mide o mar?"

Que fenómeno o paisano...

Unha aperta!

segunda-feira, julho 07, 2008

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Breo, quen me dera poder viver ese pequeno espectáculo do que ides gozar en Combarro. Ainda que o de Brest é un acontecimento, cousiñas coma a Mare tamén teñen que ser mui valoradas, porque son o produto dun voluntarismo e dun amor polo próprio que poucas vezes se ve noutros eidos. Espero que tires fotografias e que as compartas con nós! ;-)
Subcomandante, o certo é que, para sermos do interior, muitas memórias temos ligadas ao mar. O señor Avelino de Muxia! E o Tono de Laxe, co seu can Taín, lembras? Segue en pé o de fazer unha marea calquer dia destes, ou? Unha aperta!

terça-feira, julho 08, 2008

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Por certo, Ghüilian, xa saberás que un dos artífices deste evento (e, realmente, un dos verdadeiros "profetas do mar" con que contamos hoxe en Galiza) é o noso benquerido Fernández Rei, álias Paco da Sensa (como é coñecido seica pola sua terra natal de Cambados), experto en cascas de noz e filoloxia románica e, para máis INRI (dado que descobrin onte mesmo), sócio do Compos. Como dizia Roberto, "para Paco, un aplauso".

terça-feira, julho 08, 2008

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial