Apalpando as palavras do salmom

23 abril 2008

Camiños de Nemancos, de Soneira, de Seaia...

Nunha ocasión, o noso profesor de Antropoloxia na faculdade lembrou-nos que a história do capitalismo foi a história dunha luita constante contra os dias festivos. E, secomasi, vén-se-nos xa enriba a divina ponte do Primeiro de Maio, festa obreira por antonomásia, reminiscéncia do antigo e luminoso Beltaine e, como tantas outras efemérides similares, data reduzida polos hábitos modernos a unha simples oportunidade máis de desconectar, ainda que somente sexa por unhas horas mal contadas, das abafantes rotinas. Desconectar do traballo, dos estudos ou de calquer outra forza opresora instalada no cotidiano... Poderian incluir-se aqui as sogras? Poderian, se quixerdes, ainda que un é consciente de que nen todo o mundo pode permitir-se o luxo de deixar a benquerida mai política na casa nen sequer nos dias feriados.
Brincadeiras à parte, gostaria de vos propor para estes dias un roteiro que sempre presta e sempre fascina, sexa con sol e calor, sexa con chúvia e temporal. De feito, é unha desas viaxes que sempre gaña en intensidade se vai acompañado do agresivo vento do Atlántico e dun céu nuvoso sobre as nosas cabezas.
Partimos de Malpica de Bergantiños, ou, como eu gosto de chamá-la cando me poño repunantiño, Malpica das Baleas. Centro da comarca de Bergantiños e noutrora capital do território de Seaia, esta pequena vila foi nos seus mellores tempos un niño de ousados baleeiros, e ben o demonstran ainda muitas vellas casas mariñeiras do lugar, cuxas portas exiben poderosos dentes de balea. É esta terra dos míticos raqueiros, por outro nome piratas celtas, que, segundo a tradizón (unha tradizón máis ben culta, pois o povo nega obsesivamente a existéncia de tais personaxes, talvez por vergonza), penduravan faróis acesos nos cornos das vacas para, nas noites fechadas de temporal, atrair os barcos cara aos penedios máis mortíferos e provocar terríveis naufráxios. Os restos deixados nas praias polas malogradas naos eran festa e botin destes piratas de terra cuxa aczón si está ben documentada na Bretaña, e que ainda emerxen como personaxes cheos de vida e contradizóns nalgunhas páxinas do fantástico Bretaña, Esmeraldina de Ferrin. O próprio Ferrin, no seu fabuloso Estirpe, inclui os seguintes versos sobre esta realidade a meio camiño entre a história oculta e a pura mitoloxia rural:

"Pior fono os de Melpica
que -coma sempre, coma sempre- puxeno fachos deica Penmarc'h
e fixeno ceifa nos dentes de ouro dos afogados.
E andaran ás crebas!"

Mais, xa que estamos en Malpica, que menos que render visita à capela do San Adrián, situada na beira oriental do monte Beo e debruzado sobre o mar das Sisargas. Sonada foi noutrora a romaria do San Adrián, a quen se lle atribui nestas terras (como a San Padraig no Éire) a derrota e expulsón das serpes que a habitavan. De feito, a cruz ergueita perto da capela é mui similar à que ainda hoxe pode admirar-se en Gondomil (Corme), chamada de feito Pedra da Serpe e na cal, como é ben sabido, fechou para sempre San Adrián as cobras todas do país. As que conseguiron fuxir quixeron pasar às Sisargas, mais San Adrán deu-lles alcance e matou-nas esmagando-as co pé. E é hoxe o dia que pode ver-se no devandito monte as cobras en questón transformadas en pedra e coa marca da pisada do santo. Por certo, que, segundo unha copla popular, San Adrián é barqueiro, que leva o remo na man... E el non será San Adrán o trasunto dun vello deus-barqueiro, quer dizer-se, dun precristián deus da morte e o tránsito? Ten muitas trazas, certamente.
Non mui lonxe de Malpica está Mens. Duas cousas há en Mens que todo viaxeiro deveria parar a ver: as torres e mais a igrexa. Como as torres son de propriedade privada e millentos cans bravos impiden o acceso à mesma, conformaremo-nos con achegar-nos à igrexa, posta sob a advocazón de Santiago e noutrora mosteiro da orde bieita. E en Mens chaman a atenzón os canzorros, que segundo alguns autores representan figuras circenses en plenos exercícios de contorsón, mais que, certamente, non deixan de lembrar-nos motivos de tipo máis ben erótico, pornográfico inclusive. Algo, por outra banda, que para nada deve estrañar-nos nas ousadas arquitecturas do románico rural galego. Unha desas figuras, que agarra as suas pernas à altura dos xeonllos para exibir descaradamente o seu sexo, poderia mui ben conectar-se coa deusa latina Baubo, ou mellor, coa sua homóloga irlandesa Sheila Na Gig e os muitos precedentes neolíticos cos que conta esta figura e que se achan espallados polos petróglifos da Europa atlántica toda. Na realidade, estamos perante deusas da fecundidade e do florescimento na sua dimensón máis primária e directa. As transformazóns das mentalidades acabaron convertendo-as en imaxes obscenas, impúdicas, carnavalescas, en entroidadas que excitan o sorriso dos fregueses e a condena das hierarquias eclesiásticas, mais que souberon resistir tranquila e paradoxalmente ao abeiro das igrexas e capelas aldeás, nun exercício de eclecticismo que con efeito nos trai à cabeza un dos ditos que mellor sintetiza a cosmovisón das nosas xentes: Deus é bo e o Demo non é malo.
Deixando xa as vellas terras de Seaia e trás parar en Ponteceso para coñecer a casa do bardo Pondal (o rio Anllóns, o pinar de Tella espeso, ao lonxe o monte Branco), adentramo-nos nos domínios de Soneira e detemo-nos, como non podia ser doutro xeito, en Borneiro, berce dunha das ramas da miña liñaxe materna. En Borneiro destaca poderosamente a Cibdá, xa cantada polo bardo Pondal e que alá polos anos 30 do século pasado reemerxeu da terra e do toxo das mans de arquólogos entre os que estava (como non!) o bo e xeneroso Xocas, por nome formal Xaquin Lorenzo. A el lle devemos as Notas etnográficas da parroquia de Borneiro. Tamén en Borneiro está ainda, mantendo-se en pé mal e como pode, o dolme de Dombate, noutrora coroa do megalitismo galego e hoxe obxecto dunha progresiva e tristísima destruizón na que consenten, mui ledos e satisfeitos, os nosos benqueridos poderes públicos. Non mui lonxe temos a capela do Briño, con famosa romaria.
Non moi lonxe de Borneiro, mais xa terra adentro, ergue-se o castelo de Vimianzo, dominando o val de Soneira desde as suas desgastadas ameas. Propriedade nun primeiro momento da fecunda casa dos Mariño, o castelo pasou depois às mans dos Condes de Altamira, grandes señores de toda a comarca e toro do que floreceron nomes bravos e case lendários como o de Bernaldo Eanes de Moscoso, o que prendeu polas barbas ao bispo de Santiago e o tivo preso vários anos nunha gaiola. Costumes guerreiros doutrora. Mais hoxe, dentro do castelo, podeis visitar unha fermosa amostra da etnografia da zona, con panilleiras, tecedeiras e demais ofícios tradicionais. E desde Vimianzo, asemade, non vos fican mui lonxe marabillas como os penedos de Pasarela ou a praia e lagoa de Trava.
Pouco pode dizer-se do magnífico mosteiro de Moraime, centro relixioso que foi da antiga comarca e hoxe arciprestado de Nemancos. Simplesmente ide e admirai-no. E menos ainda poderei falar de Muxia, a dez minutiños escasos de Moraime. A igrexa da Barca, a pedra de abalar (falava Cunqueiro dunha parecida que havia en Galway, mais esta, ademais de abalar, falava, e seica o fazia en gaélico literário), a pedra dos cadrises, a pedra da cabesa e outras cincuenta ou sesenta distintas con cadanseu nome e cadanseu conto (non si, Subcomandante Xallas?). A romaria da Barca. O universo reduzido a mar bravo e espido granito. Memória de coplas dedicadas à Virxe (muitas delas compiladas há xa décadas por un parente de meu, Francisco Romero Lema, que glória haxa). As xentes mariñeiras, como aquel señor Avelino que tiña un irmán vivendo en Lugo e que me perguntou: Rapás, ti sabes canto mide o mar? Ou como Felipe Sar, de quen sempre lembrarei unha frase: Os mares son os mesmos, o que cámbian son os nomes. Como tamén lembro ben (porque agatuñei por el arriba) o promontório indómito do Corpiño, que López Abente comparou co seu amor con estremecidas palavras:

Penedos, altos penedos
do Corpiño vixiante,
sodes, como o meu amor,
tristes, barudos e grandes.


E de Muxia, que é cabo do mundo e acougo do sol, retornaremos à casa con muita beleza nos ollos e quizá algunhas inquedanzas no maxin. Ficaron muitas cousas que ver, mais iso será, se Deus quixer, para a vindeira ponte, festividade ou oportunidade vacacional que se nos apresente.
Deixo-vos nesta ligazón un vídeo cutralleiro que montei con imaxes de várias viaxes feitas por aquelas terras. Por certo, nota a rodapé: a canzón que escuitais de fundo é un hino extraído do álbume Lights in the Dark de Hector Zazou (colaborador de Carlos Núñez n'Os amores libres). Intitula-se Dan Nar Marbh (A canzón dos mortos), e, ao igual que as restantes pezas do disco, está baseada na tradizón musical do primitivo cristianismo irlandés.


4 Comentários:

Anonymous Anónimo disse...

Moitas grazas polas imaxes, polas palabras e pola música.

quarta-feira, abril 23, 2008

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Non se merecen. Alegro-me de que gostases. Un saúdo blogueiro!

quinta-feira, abril 24, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

Mira ti, o rapás quere chegar a ser Cunqueiro, e faltábanlle as guias de viaxe... Pois nada home, moitas grazas por promocionar a zona (e de paso pedantear, que cando te pos repunante...) e se te pasas por alí aqueles días, pois a ver se convidas a un café, hom!, hehehehe.

Un saúdo

sexta-feira, abril 25, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

Eres un marciano, ya lo sabemos, pero encantador...
Por eso acaba de serte concedido un Premio: tachán, tachán... ¡¡¡"Brillante Weblog 2008"!!!
Visita Innisfree y te enterarás de todo.
Moitas apertas,
Chesús

domingo, abril 27, 2008

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial