Apalpando as palavras do salmom

23 maio 2008

Unha pequena alegria persoal

Pagou a pena. Lembro ainda, coma se fose onte, todas aquelas longas xornadas de traballo, marcando, clasificando e identificando os milleiros de topónimos medievais que alentavan, coma pequenas xóias sen pulir, nas páxinas daquel tombo. Do Tombo de Toxos Outos, ese que tantas vezes anda na miña boca para desgraza dos meus pacientes amigos e coñecidos, verdadeiros mártires das miñas particulares afeizóns. Era fermoso, certamente fermoso, seguir o rasto daquelas formas fragmentadas, difusas ainda, inestáveis e seguramente por iso tan profundamente evocadoras para un friki coma min. E quen non se apaixonaria? Seguir o rasto dos nomes vellos por terras de Nemancos, de Bergantiños, de Soneira, de Carnota, de Santiago, de Barbanza, de Nóia... A Galiza occidental e extrema, en definitiva, nun tempo no que todo parecia estar a espreguizar-se ainda, no que todo era embrionário e iniciático dalgunha maneira. Todo aquilo, en definitiva, acabou constituindo un traballo de doutoramento, o Inventario Toponímico do Tombo de Toxos Outos, que gostou bastante e que alguns compañeiros tomaron como modelo para tentar acometer proxectos semellantes para outras coleizóns documentais das suas respectivas zonas de orixe. Iso, por si só, xa avondaria como recompensa e motivo de orgullo. Mais, pasado un tempo, e fazendo caso dos consellos da xente que me quer ben, decidin enviar aquel voluminoso proxecto ao Prémio de História Medieval de Galiza que anualmente convoca a Editorial Toxosoutos (conste que a homonímia entre o nome do meu texto e o da editorial foi algo puramente casual). O caso foi que tiven a imensa fortuna de ser agrazado co accésit e, en consecuéncia, coa publicazón da obra, que nestes dias comeza a asexar a cabeciña nos mostradores das livrarias. Con dous reis de León na capa, nen máis nen menos. Asi que xa sabeis, se tedes curiosidade por saber cómo se chamava un lugar nos remotos dias do Medievo, nestas páxinas toparedes muitas respostas, pois nelas recollen-se topónimos de toda a costa occidental galega, mais tamén do sul de Ponte Vedra, de Ourense, algun de Lugo e mesmo vários leoneses e portugueses. Há ainda muitas grallas, muitas identificazóns discutíveis e, por suposto, muitos topónimos que daquela non fun quen de localizar. Mais todo iso fica, se os deuses quixeren, para unha segunda edizón.
Agardo que saibades desculpar o pequeno exercício de persoalismo que fixen neste post, mais nada há do que goste máis que de compartir con vós estas pequenas alegrias. E para celebrarmo-lo como Deus manda, que mellor que algunhas das músicas que me acompañaron durante aqueles dias de traballo. Michael McGoldrick, Donal Lunny, Fred Morrison e Jerry Douglas, nen máis nen menos. Que gosteis e boa fin de semana!





12 Comentários:

Anonymous Anónimo disse...

parabéns Paulo, non sabia eu con quén trataba...juer, publicando libros, manda carallo na Habana !!! o dito, parabéns polo traballo e polo esforzo que se veu recompensado.

Un saúdo dende Pontevedra

sexta-feira, maio 23, 2008

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Graciñas, Breo! A ver se este non é o último! Un saúdo

sexta-feira, maio 23, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

Ghaiteiro, ghaiteiro, ghaiteiro!!!!!
Ben que me amola non estar alí nese momento "grorioso" no que os teus ollos superaron calquera límite coñecido en canto á dilatación das pupilas ao ver a portada que, por certo, é chula, chula, chula, eh!

Agora vén o pero (pq sempre terei que poñer un pero, Ulmo, co pouco que me gusta... A ver se te pos un pouquiño as pilhas para non ter que tirarche das orellas) e o pero é que falas de Soneira, Bergantiños, Nóia (tropa do demo, que din en Brión...), etc. Ehem, ehem, ehem, ehem.

Agardo que a carraspeira sexa suficiente para un comentario corrector...

segunda-feira, maio 26, 2008

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Graciñas, Subcomandante. Como deduzo que o motivo da tua carraspeira é a auséncia de certa comarca galega nesa enumerazón de bisbarras, e como intuo tamén que a comarca en cuestión é a tua nativa Terra de Xallas (nas vellas cartas xeográficas xa aparece como Terra Koalarum),direi-che que a devandita Terra de Xallas reservo-a para metas maiores, pois será (está a se-lo, de feito) o tema da miña tese de licenciatura. Se os deuses queren e a Capitana Saiás non o impide! ;-)
Por suposto, estás convidadísimo às apresentazóns do livro. Xa che informarei cándo, ónde e, sobretodo, qué vai haver de picar.
Saudiños!

terça-feira, maio 27, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

Noraboa!

segunda-feira, junho 02, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

Ti mira o pifioso (palabra cospeitense) este...
Como ten na actualización a portada do seu libro, xa non actualiza...

Ben te deitas (outra expresión local) de que por aquí temos moita paciencia, que senón...

Renova, home, non sexas tan presumido, que axiña há chegar o seguinte, hehehe.

Unha aperta!!!!

terça-feira, junho 03, 2008

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Andamos niso, Subcomandante, andamos niso! Pero ultimamente a tua comarca natal non me deixa muitos anacos de lezer! ;-)
Por certo, "ben deitas de", non "ben te deitas de". A ver se imos dar lugar a malos entendidos! Jejejeje

quarta-feira, junho 04, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

Perdón, perdón...
Pequenos erros á marxe, non poderás negar que, para o pouco tempo que levo, xa falo un chairego curiosiño, que mesmo parece que fun ás aulas de Ramón Lamote, hehehe.

Como me din a min os "trenkos" (outra curiosidade diatópica) estes: "sen tu, home, sen tu", hehehe.


Encántame!!!!!

quinta-feira, junho 05, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

...e cando aprendas a dicir "todonada", "madialeva", "buleira", "rever" e "amecer" (amencer tamén) xa estás licenciado :)

segunda-feira, junho 09, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

Parabéns sinceros!

Mas, como que a Terra de Jalhas para a tese?? Pensei que combináramos, um par de anos ou três atrás, em que seria sobre a zona transchairega :p

Brincadeiras à parte, BEM DEITAS de que sejamos comprensivos, porque o dos leões de Leão não me acaba de chistar :p

Saudações também para Terra Koalarum :)

quarta-feira, junho 11, 2008

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Graciñas, graciñas. O da Terra de Xallas vén motivado por razóns de proximidade e material, mais xente haverá que faga o próprio coa Terra Chá, mádia leva.

quarta-feira, junho 11, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

parabéns! unha obra de interese para abrirlle os ollos a algúns "duros de sesera". a polo segundo!

sábado, julho 05, 2008

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial