Apalpando as palavras do salmom

14 dezembro 2007

De afastadas e retornadas illas: o Profeta

Há escasamente un mes deron-me a boa nova de que un relato meu fora premiado na edizón do certame GzCrea deste ano 2007. Trata-se dunha história que escrevin há aproximadamente cinco anos, creo lembrar que no transcurso dun deses longos veráns chairegos, entre o siléncio luminoso do meu escritório e o renxer mol do vento nun bosque de piñeiros que hoxe xa non existe, mais no cal escrevin muitos dos meus versos e renglóns (con desigual fortuna, por suposto).
O relato en cuestión intitula-se O Profeta. Xa terán ocasión os asíduos deste blogue de le-lo con calma e demora, mais polo de agora somente farei algunhas anotazóns que quizá lles axuden, no seu momento, a entender un chisquiño mellor os conteúdos deste pequeno delírio céltico. Porque neste relato, sen dúvida, deixei amolecer e abrollar muitas das miñas teimas e obsesóns máis íntimas; neste relato respiran alguns dos temas que funcionaron durante anos a xeito de traves ou colunas de todo o meu imaxinário como "criador" (que palavra tan grande e nebulosa!) e ainda máis como persoa. N'O Profeta encontramos unha personaxe emerxida dos bosques decimonónicos, ese estraño século; un personaxe obsesionado con encontrar algo que (imaxina) trastocará os esquemas mentais que unha sociedade asfixiante está conseguindo impor-lle. Algo que, afinal, non somente encontrará (e con unha magnitude e complexidade que dificilmente imaxinaria cando emprendeu a viaxe), senón que o absorberá. Para gozo e desconcerto seu. E, como fundo desa procura, desa quête case griálica nun comezo, certas presenza que reorientan a mirada cara ao mito; mito que, como decote, se deseña en palavras e trazos mui arcaicos e sinxelos e poderosos: o mar, as illas, a palavra dun vello...
Por certo, para aqueles que comparten gostos musicais afins aos meus, direi-lles que o título foi-me emprestado por unha canzón de Wolfstone (The Profit), cuxo ritmo me acompañava especialmente naqueles dias de xeira criativa. Direi-vos asemade que o argumento da história, como tereis ocasión de comprovar, bebe mui directamente dunha lenda que no seu dia recollera J. M. Synge nas illas Aran (sempre as Aran, como non!). E que, en fin, muitas das ambientazóns que se suceden no relato son devedoras dese fito cinematográfico que foi para min Men of Aran, de Flaherty.
E, como amostra ou adianto, este treito que ao mellor consegue trasladar-vos (non o sei) a unha illa mui afastada, extraviada entre muitas marés e tempestades e naufráxios formidáveis. Unha illa à que, un dia de 1894, chegou un tal Dónal Maonlaí e na que falou cousas coma esta...

Camiño de Pyergorran, onde pasarei esta primeira
noite, comprendín que non podía ser doutro xeito, que calquera detalle que atentase contra este tópico romántico (debo recoñecer que é iso) faríao necesariamente contra todo equilibrio de cousas. Como non se ían conservar neste recanto do mundo as vellas sagas, os nomes de
todos os reis artanios, as xestas máxicas dos druídas? Acaso era
posíbel borrar da memoria destas xentes e destes campos (aquí tamén os campos gozan dese doloroso privilexio da memoria) as lendas de Connor e dos xigantes, das meigas que converten as carballeiras en exércitos, ou das vilas asolagadas pola furia dun día de inverno en calquera baía dos arredores? Non, non. No afastamento absoluto, a poboación mantén un doce primitivismo de ceos azuis e cabalos ceibos. A lingua, céltica, radicalmente céltica, florece cada primavera nas cerdeiras e nos carballos, dona de xiros e sabores que na Artania
xa só recoñecen os filólogos nostálxicos. Fálase aquí como deberon falar aqueles antigos cronistas dos mosteiros. Cada palabra xorde mastigada en arxila e penedías, e un agarda ver, na revolta de cada corredoira, unha procesión de guerreiros famélicos, rechumidos, ollos pardos coma lobos e barbas requeimadas do sal, que son os homes enviados hai unha millenta de anos por el-rei de Escocia a estas paraxes, e aquí ficaron, enmeigados, incapaces xa máis nunca de regresar.
Un campesiño que os ve quita a pucha e saúdaos, humildoso, que tamén son xente. Orballa sobre eles, sobre o conxunto, en pausados estremecementos cor outono.
E así e todo debo recoñecer que este primitivismo acada en certas rexións unhas proporcións horríbeis, case arrepiantes. Nelas desfaise de toda carga poética, e tórnase en símbolo atinado dunha soidade que manca e amera as olladas. Casais enteiros abandonados, campos e vellas terras de labor reducidas a bravío, praias exhibindo a osamenta de antigas embarcacións de pesca, toxos inmensos que destripan a beleza gozosamente imperfecta e desproporcionada desta paisaxe. Para un forasteiro, a primeira impresión é que algún tipo de maldición atravesou estes lares, antiga, cruel, irreversíbel.
Mais tal é a grandeza destas paisaxes, do que ofrecen e do que ocultan, que mesmo nesa desolación medran con pulo as amoras, destaca a cor das chorimas e estalan no aire, seguindo quen sabe que remoto ritmo, as melodías das lavercas.

5 Comentários:

Blogger Innisfree disse...

Enhorabuena!!!!
go maire tú!
Eres grande, Pól. Pero ¿no ganaste es mismo premio el año pasado? ¿Estás abonado? Eres el mejor, no me cabe la menor duda.
A disfrutarlo.
Sláinte!

sexta-feira, dezembro 14, 2007

 
Blogger marykinha disse...

Slainte!

O comezo do teu relato e similar a un relato que lin fai dous meses en Armagh.

A curiosidade do relato e que foi escrito pola boca do verdugo que matou ao ultimo rei de Irlanda (que esta soterrado na Catedral de Saint Patrick, en Armagh, pero na protestante, para mais INRI!)

Noraboa polo premio!

Coidate!

sábado, dezembro 15, 2007

 
Blogger ghuilianxallas disse...

Ains, ains, ains! Por que contigo recoller un premio é un acto normal (no sentido da frecuencia do feito) e ao mesmo tempo extraordinario e rozando case coa aventura extrema???? Unha mestura da serie perdidos, e unha futura peli aínda non titulada "Como carallo pode haber 17 peores ca isto" (verdá Rho?)E aínda por riba, claro, fas o post antes de recoller o premio e escolles un fragmento do relato que non coincide co que puxeron eles no cartaz, hehe. Desde logo...

Pois ben, nadadores deste río dos Salmós (apréciese a variedade central) solicitade todos a unha as imaxes dese grande momento...
FOTO,FOTO,FOTO,FOTO!!!!!hehe. Noraboa, meu!

segunda-feira, dezembro 17, 2007

 
Anonymous Anónimo disse...

Graciñas, amigos, por tan agarimosa benvida!
Por certo, Subcomandante, perde cuidado, que tan axiña como teña no meu poder os documentos gráficos da nosa viaxe ao Sul hostil todo o mundo poderá desfrutá-los (?) desde estas páxinas. Daquela viaxe ficaron-me fundas convicións: por exemplo, que nen o GPS máis encabronadamente deseñado pode fazer-nos desistir nunca dos nosos propósitos cando é un prémio o que está en xogo (coa paparota ritual incluída!); que unha obra de teatro pode levar facilmente un primeiro prémio a pesar de constituír un verdadeiro tratado cénico sobre o que NON deve ser a fonética galega; e, en fin, que "entre carne ou peix", pide-se un pouco dos dous e para adiante ;-)
Un efusivo saúdo, e a ver se nos vemos mañá na cea
"Deixa-me volver à vida, deixa-me volver à esperanza" (algho asi non?)

segunda-feira, dezembro 17, 2007

 
Anonymous Anónimo disse...

Certo Ghuilianxallas ;p, prefiro non torturar a mente cavilando en como podían estar representadas as 17 obras restantes xa que en vista de que o que vimos provocou sendos pesadelos, dos cales por supostisimo prefiro nin lembrarme! Mais se esquecemos este efémero (iso agora,naquel momento era eterno) fito o resto da movie "Grand Prix of Pòl" foi "muito gira", ogallá se repita nos anos próximos e fagamos disto a romería anual en honor a S. O´Lema (jejeje).
E como non, Parabéns Páulix (aquí deixo constancia escrita) e moitas grazas a o subcomandante por exercer de taxista, espero que o pasaras ben.
Bicos meus

terça-feira, dezembro 18, 2007

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial