Apalpando as palavras do salmom

21 agosto 2007

Cadeas


Onte tiven a oportunidade de me achegar ao Museu Provincial de Lugo, após muitísimos anos sen visitá-lo. Como adoita acontecer noutros museus de características similares (o Museu do Povo Galego, por exemplo), foi no claustro onde encontrei os obxectos máis poderosos e emotivos. Entre eles, estas enormes cadeas penduradas dunha das paredes e que, segundo a lenda, foron as que serviron para apreixar o Marechal Pardo de Cela trás ser traizoado e desaloxado da sua fortaleza da Frouxeira. Momento que a nosa tradizón nacionalista sempre quixo ver como o da culminazón do submetimento de Galiza ao incipiente Estado español. Momento que ainda teria un heróico epílogo: a resisténcia enrabechada da filla do Marechal, Constanza, e do seu marido Fernand'Ares de Saavedra, na fortaleza de Cal da Loba (Pino, Cospeito) fronte aos exércitos vidos de Castilla.
Non sei a ciéncia certa se é ou non verdade o que se diz destes inhumanos grillos tan representativos das violéncias e opresóns daquel século XV galego. Tampouco teño a certeza de que Pardo de Cela fose realmente un adaíl da nosa causa nacional face às agresóns estranxeiras. Mais, como dixo unha vez certo parente meu, se non cres nas lendas en que vas crer? No fin de contas, que somos nosoutros mesmos senón unha morea de mitos e palavras vellas entrelazadas?
Vaia pois esta cativiña homenaxe ao Marechal dos galegos. Quen sabe? De existiren hoxe un par de homes bravos e irredutíveis coma el, quizá non teríamos de chorar atentados tan sangrantes contra o noso País como os que soportamos dia si e dia tamén.
Dera Deus máis Frouxeiras!

3 Comentários:

Anonymous Anónimo disse...

Preferindo aos patriotas irmandiños antes que aos Marechais e Fonsecas, teño que darche a razón na conclusión, dera Deus máis Frouxeiras!

quinta-feira, agosto 23, 2007

 
Blogger ghuilianxallas disse...

Ademais de polo post en xeral, que xa debería afectarme de oficio, teño que recoñecer que unha das noticias ás que nos enderezas aféctame de xeito ben particular (vídem blog, que axiña se reflexionará sobre o tema). Aínda así, hai que ter esperanza, pq despois de séculos de vitimismo xa é hora de soñar e empregar os herois e os mártires como trampolíns a un futuro mellor, non como recordo dun pasado esplendoroso que xa foi.Pecho cunha frase de Lorelai, a filósofa do Dubra: "Hai veces que preciso experimentar a vergoña do país para que me entren ganas de levantalo". Pois iso, irredutíbeis gal(eg)os, a resistir ora e sempre face ao invasor, que carallo!

segunda-feira, agosto 27, 2007

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

O caso é que si, dun tempo a esta parte cuido que há motivos para a esperanza; ou mellor, cada vez há máis xente empeñada en manter a esperanza e en construír o futuro que merecemos ao custo que for. Agora ben, há ainda muita xente instalada na pasividade e no pasotismo máis enfermizos. Xente que absorbe acriticamente canta notícia distorsionada lle está a chegar; xente que non atende a razóns. Haverá que ir tirando-os do "lado obscuro" pouco e pouco. Mais o tempo aprémia...
E, por outro lado, está a colonizazón. Digan o que queiran; seguimos a ser unha colónia. Unha colónia que comeza a oferecer certa resisténcia inclusive por parte dos seus governantes (algo insólito!!), mais unha colónia no fin de contas. Levan-nos o vento (o vento!!!!), que xa há que ser miseráveis, carallo! Emporcallan-nos os rios e levan-nos os seus benefícios. Da fervenza do Xallas xa nen falo, porque o triste é que somente se trata da punta do iceberg. Meirama, As Pontes... E o pior é que os colonizadores (empresários mesetários) non senten nengun apuro moral; nengunha necesidade ou escrúpulo, ainda que sexa, de indemnizar os indíxenas. Porque onde se viu que os aborixes tivesen direito a gozar do que a sua terra produz? Exterminá-los, reduzi-los no mellor dos casos. Acabaremos en reservas dirixidas desde Madrid por un Villar Mir, un Florentino ou un Fernando Martín de la vida. Unha vergoña.
Perguntava-me un amigo o outro dia qué se podia fazer para acabar con isto. A resposta que estiven tentado a dar-lle non pode escrever-se aqui, que até poderian acusar-me de apoloxia do terrorismo. Mais, pondo-nos en plan máis moderado, haveria soluzóns, si. A primeira é tan sinxela como o voto. O problema da nosa colonizazón material (a mental xa é fariña para outra muiñada)decide-se, no fin de contas, na capital do Estado colonizador. Pois ben, galegos, non lle voteis a quen mantén esta situazón, homiños de Deus! Que fan os cataláns cando queren dar a batalla en Madrid? Pois mandan deputados dos partidos nacionalistas (aqui incluo o PSC). Nosoutros non; nosoutros queremos nadar e gardar a roupa. Queremos que nos defendan partidos sen autonomia nengunha, o PSdeG (vaia risas) e o PPdeG (risas triplicadas), ou sexa, os representantes do papanatismo máis descarnado e ferinte. E non lle votamos ao Bloque porque, santo Deus, se non son amigos da ETA pouco lles falta. Depois choramos a nosa indefensón secular, e cando os nosos dirixentes falan de déveda histórica escachamos a rir. Estamos o triple de explorados que Euskadi e Catalunya (esmendrello-me eu da opresón nacional de Euskadi e Catalunya), e estamos a ve-las vir. Mais cómpre saber que o voto vale para algo máis que para a reciclaxe.
Haveria outras soluzóns, claro. Mais quizá haveria que pór-se en extremos mahatmagandhistas e iso, hoxe por hoxe, dá preguiza...

terça-feira, agosto 28, 2007

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial