Apalpando as palavras do salmom

01 abril 2008

Descobrindo Girona

Nesta angueira de percorrer todo canto congreso admita os meus pequenos contributos, a semana pasada tocou-me render preitesia na XXIII Trobada de Joves Lingüistes, organizada pola AJL na bela e afastada cidade de Girona. O certo é que poucas experiéncias me resultaron tan extenuantes e ao mesmo tempo tan gratas coma esta viaxe, cuxos recordos e sabores ainda teño no padal coma o celme dun gorentoso viño.
O tema da miña ponéncia (polo demais avondo árido e soporífero mesmo para min) seguramente é o de menos. O realmente importante para min foi, en primeiro lugar, entrar en contacto cunha civilizazón (non, non me equivoquei de substantivo, ainda que poda parece-lo) que sempre foi referente inescusável para o nacionalismo galego: a civilizazón catalá. En Girona percebin unha sociedade moderna, tranquilamente orgullosa das suas singularidades, instalada na língua catalá cunha naturalidade pasmosa que, para a nosa desgraza, xamais teremos ocasión de desfrutar nestas terras do Noroeste tan castigadas polo papanatismo e o colonial way of thinking dos seus indíxenas. Si, todo canto vin e experimentei en Girona fai-me pensar, certamente, nun mundo separado do resto da Península por fronteiras tan evidentes como en absoluto excluintes ou insolidárias, como muitas vezes nos queren fazer crer certos ananos intelectuais que voziferan o contrário desde os mass media. Certo é que, como me comentou o compañeiro Esteve, Girona é quizá unha excepzón, un illote de resisténcia nunha Catalunya que, apesar dos esforzos por integrar a crescente imigrazón na cultura e língua nacionais, parece estar a atravesar por un proceso de descatalanizazón bastante preocupante. Esa Barcelona caótica, desorganizada, en precário equilíbrio, pragada de rostos africanos, sudamericanos e orientais, seria unha metáfora da Catalunya que vén, da Catalunya que se reta a si mesma nun pulso por sobreviver-se e reinventar-se a partir desas novas mans que se incorporan a un fermoso proxecto nacional. En todo o caso, até nisto nos gañan. Porque en Catalunya há proxectos sérios de integrazón do imigrante na língua catalá; na Galiza non há nada semellante nesa liña. Aqui conformamo-nos con traduzir o Sinbad de Cunqueiro ao árabe e organizar certames de epitáfios por sms. Mais iso seria fariña (amarga fariña, abofé) doutra muiñada.
En todo o caso, Girona dá a sensazón de ser unha cidade que, de súpeto e no momento adecuado, descobriu a sua singularidade, o seu pasado, e puxa por adecentá-lo e recuperá-lo con toda as suas forzas. Pode dizer-se que Girona, nestes momentos, é en si mesma un imenso e prodixioso exercício de memória. Unha memória en construzón. Todo recende a história quente, a contos ainda enchoupados en saliva. Todo está ateigado de xente desexosa de compartir eses retallos de pasado. E asi coñecemos a história de Sant Narcís, santo enterrado na igrexa de Sant Feliu e de cuxo sartego, ao ser profanado polos franceses na guerra de 1808, surxiron millentas moscas rabiosas que fixeron rabear os cavalos do invasor e permitiron ao bon povo de Girona vencer nunha batalla que, na realidade, supuxo para el unha áspera e dolorosa derrota. Como exclamou o grande Filippo, un prodixioso sardo licenciado en Filoloxia Rusa e incondicional amante da música andina: O que non pudo un exército pudo-o a fantasia.
E das batallas célebres da imaxinazón à figura sorprendente de El Tarlà, esa espécie de pallaso caritativo que, nos tristes anos da peste (esa peste abstracta, inxectada coma un medo terrível na memória de xerazóns inteiras), aparecia pendurado nunha pértega por riba dos tellados da rua principal e, coas suas voltas, reviravoltas e pinchacarneiros, alegrava a convalecéncia dos nenos que languidecian fechados nas casas. E entre conto e conto, sempre havia tempo para perder-se entre as lousas do bairro xudeu, para beixar o cu da leoa (verdadeira custódia da cidade e, tamén, escusa perfeita para brincar a custa dos inxénuos visitantes), para atravesar as muitas pontes do rio Onyar, sobre o que se debruzan casas silenciosas e de cores estrañamente vivazes; para admirar as arquitecturas modernistas que, por si sós, parecian humanizar o traxecto e aliviar o camiñante; para abraiar-se ante a severidade antiga de Sant Pere de Galligants...





Son, pois, muitas e boas as cousas que de Girona trouxemos na nosa equipaxe. Lugares, palavras, mais tamén xentes que tiveron a ben oferecer-nos un pouco deles mesmos, da sua hospitalidade, da sua fermosa língua catalá que eu tentei chapurrear sen demasiado éxito, mais con certa honradez (por máis que cada vez que pedia un café amb llet me trouxesen un café amb gel). Haverá que procurar un oco, ainda que sexa cativo, para volver a aqueles lares e volver perder-nos (desta vez sen guias nen planos) polos rueiros da vella e mui nobre Gerunda. Mentres ese dia non chega, contentarei-me con dizer: Moltes gràcies per a tots, amics! Visca Catalunya lliure!


1 Comentários:

Anonymous Anónimo disse...

Galiza-Catalunya na mateixa lluita !!

una abraçada molt fort a tots els amics catalanes.

Saúdos Ulmo

sábado, abril 05, 2008

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial