Apalpando as palavras do salmom

06 fevereiro 2008

Lembrando barbanzonas terras

Corria o mes de Setembro de 2007, inusualmente seco para encontrarmo-nos xa nas portas do outono, cando fixen aquela viaxe de dous dias pola Barbanza adiante na compaña do mellor guia con que se pode contar para estes casos: o inimitável Roberto Calvo, presidente do clube de fans de Keynes, admirador incondicional de John Nash e irredutível culé dos de hino e camiseta. Con el ascendin aos cúmios do monte Iroite, esa masa case violenta de imposível granito que se alza nos confins da comarca e a abrangue toda baixo a sua sombra de ancián pensativo. Con el atravesei a serra toda, deixando a ria de Muros a un lado e a da Arousa ao outro, até acadarmos os selvaxes e profundos canóns do rio Barbanza e o miradoiro da Estivada. Non vos poderia descrever a emozón que un sente cando vai recoñecendo sobre a tona das águas a difusa silueta de illas e promontórios esparexidos polo Atlántico adiante; e cando os seus nomes veñen aos lábios enchoupados nalgo mui semellante ao asombro, à perplexidade. Non sei quen dixo que todos os actos cotidianos deverian ser un acto de máxia, deveríamos reaccionar ante eles con perpétuo asombro... Un entende ben a fondura e as raízes desa frase cando se encontra cara a cara con tal imensidade. Pois desde ali enxergava-se todo canto existe e respira entre o Pico Sagro e as feras illas Cies, pasando polas infinitas bateas, a illa da Arousa, a illa de Sálvora, os montes de Catoira, a illa de Ons, as Rias Baixas perdendo-se no horizonte e desdebuxando-se nalgo que xa era Portugal...

Nesta montaxe alenta algo daquelas sensazóns, ainda sabendo que nengunha foto pode nen tan sequer achegar-se à sua auténtica forza e orixinalidade. Ainda asi, vaia coma unha pequena homenaxe ao mellor e máis fornido guia que endexamais pariron barbanzonas terras: o grande Chamaco da Barraña!

3 Comentários:

Blogger marykinha disse...

Para que vexas que si que derrapo e que creo que preciso pasar unha tempada en Alcolicos "Anonimos", deixote un enlase :P

www.jujel.es

Xa me diras que tal, se ves que tal!

quarta-feira, fevereiro 06, 2008

 
Blogger ghuilianxallas disse...

Diossssss!!
Pois si que ten que molar subir, eh!
E pregúntome eu... Por que nunca me convidades a esas incribles expedicións???? Prometo non levar o gps...
Marikinha, ti non es alcólica, muller, e derrapar, aquí, quen máis quen menos, váisenos bastante a todos. Ti lembra o relato aquel no que unha morea de mariñeiros borrachos cantaban cancións en diversas linguas e a única que sabían todos era en galego, momento no que o taberneiro se puxo a chorar: tamén el era galego... Así que visto está que nos fai falta o alcol para soportar o exilio (ata me fai a min, que estou en UlmodeArxilalandia), e que o licor-café non é un vicio, é unha mediciña contra a homesick, que verás como cando lle expliques que se cura con L-K todos queren ter morriña.

Bks 1000!

quinta-feira, fevereiro 07, 2008

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Subcomandante, ben sabes que podes vir cando gostares a esas nosas expedizóns, ainda que devo recoñecer que nesta viaxe polas altas serras acabamos literalmente desfondados... Nove longas horas andando praticamente sen nos deter... Mais pagou a pena, e é mágoa que nas fotografias non se aprécie nen a décima parte da verdadeira beleza desas paraxes.
Un saúdo e non te amorriñes muito por esas pátrias de meu, que seguro que non tardas en lle descubrir o encanto ;-)

sexta-feira, fevereiro 08, 2008

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial