Apalpando as palavras do salmom

25 fevereiro 2008

Kornog: un grolo da mellor música bretoa

Como estes tempos non deixan alento para escrever e reflexionar e compartir textos e ideas cos asíduos deste noso relanzo, o salmón máxico bota man de novo dese pozo sen fundo que é o Youtube e comparte convosco, insubornáveis amantes que sodes das melodias bretoas, un tema dun dos meus grupos predilectos, Kornog. Se os Lúnasa nasceron como unha sorte de dream-team da música irlandesa (e nen as constantes remudas que sofren son capazes de os privar desa condizón), algo mui similar acontece cos Kornog. Avonda con ver os nomes que van emerxendo no écran durante a execuzón desta fermosa peza: Nicolas Quemener na guitarra, Jamie McMenemy (ex-compoñente da escocesa Battlefield Band) no bouzouki, Christian Lemaître no violin e, nas frautas, Jean Michel Veillon, en quen muitos recoñecen un dos mellores frautistas do mundo. Ainda que cómpre lembrar que, na fundazón do grupo, o guitarrista titular era o grande Soîg Siberil, asíduo colaborador de artistas galegos como Xosé Manuel Budiño ou Carlos Núñez e que, xunto co próprio Christian Lemaître, constituíu a representazón bretoa nese glorioso Celtic Fiddle Festival ao que tamén achegaron as suas respectivas xenialidades o escocés Johnny Cunningham e mais o irlandés Kevin Burke.
En fin, non me encerello máis en dados tan insubstanciais, e cedo-lle paso e palavra a esta peza breve mais, como decote, primorosa na sua intensidade. E, como dizen os bretóns de ben (asi o sabia Manoel Maria), kenevò!

5 Comentários:

Anonymous Anónimo disse...

absolutamente marabilloso, fantástico tema para relaxarse despois dunha longa xornada de traballo... por certo, hoxe mirei esta nova no chuza.org, supoño que será da túa interese Ulmo

http://chuza.org/historia/sean-connery-escocia-esta-a-piques-de-acadar-a-independecia/

un saúdo

segunda-feira, fevereiro 25, 2008

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Boas, Breo! Alegro-me de que gostases deste temiña de Kornog.
Grazas pola ligazón. Algo sabia das tendéncias nacionalistas do Sean Connery, ainda que, persoalmente, vexo difícil que os escoceses acaden a independéncia a curto prazo. O "United Kingdom" é-che muito "United Kingdom" ;-)
Un saúdo

terça-feira, fevereiro 26, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

Ola!
Sinceramente, Páulix, do melloriño que teño escoitado por estes lares, se ben véxoo falto de percusións agudas, e eu sei dun Avélix ao que non lle importaría colaborar tocando as culleres, por exemplo...
Lanzo pregunta, a ver se motivo post: como vai a nosa toponímia? Algún día cumprir-hás a promesa de explicar a orixe e significado de Algaria (Algarea tamén vale)?...

terça-feira, fevereiro 26, 2008

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Subcomandante, que ledícia reencontrar-te por aqui! Eu, que dos teus gostos e manias musicais ainda me vou lembrando, ben sabia que esta peza ia ser mui do teu agrado. Mais non te fies, que estes de Kornog son-che mui versátiles, e teñen algun temiña que, literalmente, fura os tímpanos!
A toponímia é-che unha amante exixente de carallo, meu. Ando agora coa toponímia da tua comarca, como ben sabes, e devo confesar que sodes uns bechos bastante raros até niso. Máis prerromanos e non saídes! Con razón te bapticei eu como Avélix... ;-) Non, a sério, a cousa vai tirando, e espero que nun ano ou asi poda ensinar-vos xa un traballiño algo xeitoso sobre os vosos nomes de lugar. Xa me estou vendo no meu Kaddetto chaboleiro polo Xallas adiante fazendo o traballo de campo (e, de paso, algun "travelling experimental" deses que patentamos alá en terras de Corme...). Unha aperta e tranquilo, que a "Algaria" non ficará sen explicazón! ;-)

terça-feira, fevereiro 26, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

Ulmo, Sean Connery é un dos principais "mecenas" do SDP dende hai anos.

Un saúdo !!

quarta-feira, fevereiro 27, 2008

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial