Apalpando as palavras do salmom

31 outubro 2006

Samain

Final que é comezo. Morte enlazando coa vida. Como fazer o amor en leitos de granito. Samain, Samhonios, a fin do verán e da luz e das lavercas. A invernia precipita-se sobre o mundo: terra lenta, enchoupada, fulgores decadentes, espellos rotos zarrapican a paisaxe. Tamén dentro das casas, dos fogares, das lareiras de outrora, há algo que cámbia. Afrouxan os gonzos e as castañas estalican dolorosamente entre a música barroca do lume vello de sempre. Cada castaña que comas, meu ben, mo thobar, é unha alma que arrincas do inferno. Agora, nesta noite que comeza, cando os sidh saen estragar as amoras derradeiras e do corazón do túmulo emerxen as vozes e os cánticos e o ferro. Seica aló en Baio, en terra de Soneira, que é Somnaria ou país dos mortos, ainda se tallavan grandes cabazas e logo puñan-se riba dos chantos e dos valados, agardando o paso dalgun camiñante destemido.
Non esquezas, meu ben, non esquezas. E lembra pór un prato máis à mesa, e deixar a porta entreaberta por se unha almiña dos teus quixese vir quentar-se ao teu lume. E ogallá recuperes aquel músculo do desenfreo e do trance, dos rostos deformados e ruborizados pola augardente, das palavras esvarando coma poldros selvaxes. É esta noite axeitada para Ver e Contar (asi, con maiúscula). Porque the fairy-mounds of Ireland were always open about Samain; for on Samain nothing could ever be hidden in the fairy-mounds.
Boa e gorentosa velada.


0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial