Apalpando as palavras do salmom

03 outubro 2008

Paul Newman baixo a chúvia

Recentemente perdemos a Paul Newman, outro dos clásicos, un dos derradeiros actores no sentido máis digno da palavra. E, quizá a xeito de homenaxe inconsciente, aproveitamos para ver de novo un dos seus traballos máis sublimes: Road to Perdition, que na España levou o nome de Camino a la Perdición. Neste filme interpreta a un chefe da máfia irlandesa, John Rooney, que vive nun tormentoso triángulo co seu fillo Connor (Daniel Craig) e co seu afillado Michael Sullivan (Tom Hanks). O director, Sam Mendes, converte esta película nun estremecedor exemplo de traxédia na que os vínculos pateno-filiais ocupan un papel protagónico. O fillo de Michael Sullivan contempla un asasínio cometido por Connor Rooney, e este, o típico exemplo de fillo consentido e apoucado, ciumento da relación de seu pai con Michael Sullivan, decide aniquilar a família deste. Activan-se entón os mecanismos da vinganza e do dever, narrados en termos mui shakespearianos. Activa-se tamén unha espécie de fatal e subterránea interconexión entre os indivíduos que percorre cada fotograma da película. O camiño cara à perdizón converte-se nun camiño cara à descuberta persoal perfeitamente metaforizada nunha fuxida na que Michael Sullivan e o seu fillo atravesan terras desoladas e xélidas, na que cada paso é un chanzo máis na desprotección, no abandono da sociedade e do clan, unha soidade necesária para o auto-recoñecimento. Unha viaxe iniciática emarcada por unha violéncia sen contemplazóns e contada desde os parámetros máis requintados do mellor cinema negro. Asfixiante, simbólico, inimigo do explícito e do simples. Poético.
Recomendo pois vivamente o visionado dunha das derradeiras obras mestras de Newman. Mais, para ir-vos abrindo o apetite, deixo-vos un extracto dunha das secuéncias finais, talvez a máis impactante tanto visual como tematicamente. Michael Sullivan decide finalmente executar a sua vinganza, arrasar todo até a raiz, restituir equilíbrios. Vai na procura de John Rooney, asasina a todos os seus homes e, finalmente, executa-o a el. É a escenificazón da morte do pai, descarnada e directa, con toda a sua contradizón. É a serenidade de quen sabe que deve morrer e se alegra de que sexa seu "fillo" quen o faga. Todo isto contado entre a chúvia, sen son ambiental, nun siléncio estraño. Unha secuéncia extraordinária. Que gosteis!

3 Comentários:

Anonymous Anónimo disse...

Mimá!!!

E non vai este agora e fáisenos crítico de cine? Aínda por riba o moi... chairego, por non faltar demasiado, faino bastante ben, cunhas opinións bastante próximas a´s miñas, se ben predicibles, e senón pensaino ben, a ecuación é sinxela: Paul Newman (galán dos de libro) + temática irlandesa = gustos do Paulo, que por compartir comparte até o nome.

Como xa dixen, non podo senón sumarme á homenaxe dun dos grandes, e introduzo un chamamento a todos e todas as "naranjitos/as" que hai por aí nas pantallas, para que aprendan algo del polo ben da cultura, do cinema e, por que non?, dos estómagos dos espectadores.

Saudiños!!!


P.D.: X certo, Ulmo, que teño eu a "Mafia Cabárquica" toda investigando a súa relación ou non relación co prota da historia da Léghoa Dreita, hehehe!

segunda-feira, outubro 06, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

A ver, homiño! Ao Paul Newman xa se lle está a poñer a pel acartonada da molleira que está a coller, que leva o pobre pouco menos dun mes á chuvia. Renova!

terça-feira, outubro 28, 2008

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Ben sabes, Subcomandante, que eu soíño non ouso ir a ningures, que son mui tímido e sempre ten de vir alguén canda a min. Asi que, até que ti non deas paso da actualizazón, eu tampouco! ;-)
Vemo-nos no Simpósio, ou? Apertas

terça-feira, outubro 28, 2008

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial