Apalpando as palavras do salmom

24 julho 2008

De carvalleiras lonxevas e "meighallos" cantados

Xa está às portas a Festa da Carvalleira, en Zás. Se Ortigueira chegou há unhas semanas à sua trixésima edizón, a Carvalleira non desmerece e en escasamente unha semana acadará os seus primeiros vintecinco anos de existéncia. Un tempo suficiente para a converter nun referente festeiro e musical para toda a comarca de Soneira e, se me apuran, para toda a Costa da Morte, tan ampla en extensión como difusa en canto aos seus limites.
O certo é que, para seren 25 anos os que van celebrar-se, un servidor quizá agardava un cartel algo máis potente, ou, cando menos, à altura do que foron os dous últimos anos. Bandas do prestíxio de Lúnasa, Flook, Solas, Llan de Cubel ou Comas, entre outros, pasaron por esa paraxe idílica abrindo nela fendas de música maxistral e poderosa. Ainda asi, nesta vixesimoquinta edizón teremos ocasión de escuitar os Wolfstone escoceses, os tamén escoceses (e, polo momento, unha incógnita, cando menos para min) Clanadonia e os galegos Fia Na Roca e Luar Na Lubre como protagonistas estelares dos concertos. Mais à música folque engadirán-se, coma sempre, as actuazóns dos grupos tradicionais, o ambiente de romaria enxebre, os enormes vasos de cervexa, a sensazón luminosa de que agosto comeza e fai-no coma sempre, atravesado de millentas festas e paisaxes.
Deixo-vos aqui un dos temas que seguramente interpretarán os Luar Na Lubre no palco da Carvalleiro. Intitula-se "Meighallo" e pertence ao seu polo momento último traballo, Camiños da Fin da Terra. A peza consta de duas partes. Na primeira delas, a oceánica e vagorosa voz de Sara Vidal interpreta várias coplas procedentes da Costa da Morte, con topónimos recoñecíveis e suxerentes onde os houver: Malpica, Muxia, Corme... Os ares árabes, o recendo a areas do Mogreb, deixa-se sentir ben na instrumentazón e nas próprias cadéncias da melodia. A segunda parte do tema é unha danza procedente de Oirós, na província de Ponte Vedra. O dito, vemo-nos na Carvalleira. Lume!




Salín de Corme con día
Anoiteceume en Carballo
Ás fillas da miña nora
Que lles quiten o meighallo

Ai la le lo, ai la la lo...

Por ir de noite caín na lama
Por unha nena que namoraba
Foi pola noite, se vou de día
Ca peleaba mais non caía

Pola culpa do teu prenderon o meu
Se o meu tiña ghana moita máis tiña o teu
Moita máis tiña o teu, moita máis tiña o teu
Pola culpa do teu prenderon o meu

Veño da Virxe da Barca
Vou para a Virxe do Monte
Barqueiriño de Muxia
Pásame antes que sea noite

Ai la le lo, ai la la lo...

Malpica dos meus amores
O rei quíxote vender
Para vender a Malpica
Moitos cartos hai que ter

Ai la le lo, ai la la lo
...

2 Comentários:

Anonymous Anónimo disse...

desfruta cós Wolfstone...bufff, que tempos aqueles cando os ollei no Intercéltico do Morrazo.

un saúdo

domingo, julho 27, 2008

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Boas Breo! O certo é que non podes queixar-te, que o Intercéltico do Morrazo vai-che traer grupos ben xeitosos aí ao lado da casa. Susana Seivane, os grandísimos Shooglenifty, Luétiga (que havia ben tempo que nada sabia deles, por certo), A Gaita de Sarandón coa música tradicional da Ulla... Mágoa que se xunte tanto e tan bon nunha mesma fin de semana, que non hai quen dea abasto!
Saúdos e a pasá-lo ben!

domingo, julho 27, 2008

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial