Apalpando as palavras do salmom

04 agosto 2008

Crónica dunha carvalleira agridoce

Como diz a copla tradicional que interpretan os Luar Na Lubre, sain de Corme con dia / anoiteceu-me en Carvallo... Non saberia concretar exactamente o motivo, mais eses versos resumen a sensazón un tanto difusa e agridoce con que abandonei este ano o recinto da Carvalleira de Zás.
Realmente, todo foi máis ou menos improvisado, pois até ben avanzada a tarde do venres non souben se teria oportunidade de acudir a esta 25ª edizón do festival. Mais, afinal, houvo sorte e, ainda que perdin a primeira xornada, cheguei a tempo para gozar da segunda, teoricamente o prato forte, o da casa pola ventá. E a cousa comezou ben, mádia leva. Polas moreas e moreas de xente que ateigavan xa desde primeiras horas da tarde esa pequena vila soneirense, que cada ano se ensancha inverosimilmente para acoller as ánsias de festa, música e borracheira de centos de seareiros foráneos, mais tamén (ben o dizia un dos leitores do blogue de Breo) a muitas famílias da contorna que, armados de cesta e sabas, converteron a Carvalleira nalgo mui próxima à romaria tradicional de toda vida, ao ágape de empanada, viño e pan de aldea baixo a sombra amigável dese carvallo ou desa bidueira que nunca falta no noso inconsciente de galegos. Iso é a Carvalleira, e ogallá que o siga sendo: algo máis ca unha asemblea de fólquis desbocados, mais tamén algo máis ca unha festa familiar e aldeá.
Que podo dizer eu? Que comecei a festa catando un chupito de licor café na reitoral do cura de Zás. Claro está que non souben que era cura até que mo dixeron casualmente uns minutos máis tarde, cando xa o licor café se disolvera no rego sanguíneo. Mais a anedota era boa para comezar a noite. E abofé que se estava de marabilla debaixo daquel emparrado, baixo a luz fresca e difusa da noitiña, rodeado de boa xente, de bos recendos. Dito o cal, baixamos à Carvalleira, gardando por certo cola para coller a entrada, circunstáncia esta que non lembro en pasadas edizóns, mais que supoño que haverá que interpretar como algo positivo.
Desas horas, os de Fia Na Roca xa remataran a sua actuazón, de xeito que deverei abster-me de valorazón nengunha. Só espero que igualasen o nível exibido o ano pasado no Festigal, onde nos deleitaron con pezas intensas e fermosas, algunha certamente estremecedora coma aquela versión do emblemático pasodoble (ou sapodoble, por que non?) de Imende.
Canto aos portugueses d'A Quadrilha, foron unha sorpresa grata, pois servidor quizá esperava unha banda limítrofe cos ranchos portugueses e as sonoridades saturantes da Brigada Víctor Jara e similares. Nada diso. O estilo destes mociños (eléctricos, inquedos) nunca deixava de recoñecer-se como portugués, como meridional, mais ainda asi ousavan aventurar-se en ledas e sinxelas incursións nos ritmos irlandeses. De feito, un dos temas co que máis mobilizaron o público foi unha suite de jigs irlandesas. E todo iso à base de violin, guitarras e unha bateria. Economia musical onde as haxa, mádia leva!
Escuitados os portugueses, chegou o turno do grupo que máis expectazón me causava, por vários motivos: porque havia muito tempo que non os escuitava en concerto (uns catro anos, desde aquela sobérbia actuazón na Praza Maria Pita da Cruña), porque estreavan un novo álbume de calidade máis que aprezável e porque, en definitiva, Luar Na Lubre é un dos referentes da Carvalleira de Zás a muitos níveis. E con todo iso, devo dizer que a sua intervenzón rozou a decepzón, opinión que a máis compartian muitos dos que me acompañaron naquel desconcertante momento. Decepzón porque a sonoridade non era a adecuada, algo do que con efeito non podemos responsabilizar estritamente ao grupo, mais que desluziu muitos momentos e muitos lances. Decepzón porque o repertório non era nen de lonxe o máis apropriado para unha cita coma a Carvalleira. Temas como O Son do Ar, Tú Gitana ou a coñecidísima Camariñas non son os que agarda un público sedento de festa e brincadeira às 3 da mañá. Por dize-lo en roman paladino, cortaron o rollo. E cando tentaron erguer o voo e electrizar a audiéncia ali congregada, as deficiéncias técnicas botaron o esforzo por terra. Unha mágoa, desde logo.
Claro que, depois de todo isto, chegaron os Wolfstone e mandaron parar. Unha gratísima sorpresa. Teño escuitado muitos discos destes escoceses pioneiros na maridaxe do folque co rock'n'roll quimicamente puro, mais na miña mentalidade ian asociados a unha época da miña vida que, destas alturas, non me resulta especialmente estimulante. Mais xa desde o primeiro tema tiven de sacar o sombreiro (ou o cránio, por homenaxear a Max Estrella) e recoñecer que os Wolfstone salvaron a Carvalleira e puxeron o ponto de mestria e xenialidade que noutras edizóns trouxeran os Lúnasa, os Felpeyu e outros tantos. O violin de Duncan Chisholm falava talmente coma un vello, coma un camiño, coma un carvallo ben enraizado, sabedor. E toda a música se artellava a partir del. O gaiteiro, sobérbio, explorando toda a poténcia dun instrumento tan incendiário e complexo coma a gaita das Highlands. E o baixista, os guitarristas e o bateria adubando ese pentagrama que estremeceu até o derradeiro recanto da Carvalleira. A máis, escolleron de marabilla os temas. Todos eles contundentes, selvaxes como os mellores reels e jigs da máis pura cerna gaélica, todos eles feitos e construídos para esgotamento de pés e cinturas. Graciñas à organizazón por permitir-me redescobrir a esta congregazón de xénios. E longa vida a Duncan Chisholm, desde agora felizmente rebatpizado como Orelliñas.
Por desgraza, faltaron à cita os de Clanadonia, un grupo que certamente tiña gaña de ver. No seu lugar tocaron os Trikel de Valladolid, banda que xa estivera na noite do venres compartindo cartaz cos Birimbao, entre outros. Mais eran horas de recoller-se e de dormir un par de horiñas no carro antes de emprender, pola mañanciña cedo e coas primeiras raiolas de sol, o long way to Santiago. Só resta agardar a Carvalleira 2009, e, por suposto, outras 25 Carvalleiras máis.
Aqui vos deixo unha pequena amostra do que fixeron os Wolfstone na Carvalleira. A calidade do vídeo, para variar, é maliña tirando a pésima, mais adiviñan-se os xeitos e as xenialidades destes músicos que, por si sós, farian tres festivais. Por suposto, non podo menos que dedicar-llo ao amigo Breo, un namorado máis de Wolfstone. Saúde e, como non!, ei carvalleira!



6 Comentários:

Blogger marykinha disse...

Pensei que fora peor, sobretodo co comezo que lle metiches o post. O importante é pasalo ben, aínda que as veces certos grupos, non poidan amosar a súa mellor música...

En fin... bicos

quarta-feira, agosto 06, 2008

 
Blogger marykinha disse...

Ahhh por certo, recomendoche escoitar a Amy Macdonald, é unha rapaza escocesa pero a súa música lembrame a música irlandesa... deixoo da túa elección

quarta-feira, agosto 06, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

graciñas polo video Ulmo, fantásticos coma sempre os Wolfstone, como di o refrán "o que tivo, retivo" non...? sempre con esa potencia, esa enerxia e esa paixón que os fai únicos no seu xénero, agardo podelos voltar a ollar algunha vez máis, polo de agora son os acreedores do galardón a un dos dous mellores concertos aos que puiden asistir na miña vida.

un saúdo e graciñas por te lembrares de min :)

sábado, agosto 09, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

“Pois Ulmo de Arxila, non sei en que Carballeira estiveches ti porque na que eu estiven foron os Luar na ...”

From Xesús on Wolfstone, na carballeira de Zas (A Coruña)

www.apontevella.com

segunda-feira, agosto 18, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

Ulmo, deixeiche unha resposta que fixeron ao teu comentario dos wolfstone na carballeira de Zás que fixeras no meu blogue

un saúdo

segunda-feira, agosto 18, 2008

 
Anonymous Anónimo disse...

a ver se actualizamos eh!

(e conste que vai por min tamén)

Canto mal lle fai agosto aos blogues mimadríña!

terça-feira, agosto 19, 2008

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial