Apalpando as palavras do salmom

16 novembro 2006

Puirt-A-Beul (e cantar e resistir até que a língua se trabe...)

A cantante chama-se Julie Fowlis, e devo admitir que non a coñecia en absoluto. Porén, neste pequeno clip oferece unha amostra do que foi o puirt-a-beul, termo gaélico vertido ao inglés como mouth music. Trata-se dunha tradizón musical escocesa consistente en reproduzir coa boca unha melodia instrumental, xeralmente unha melodia concebida para gaita. Ainda que saibades gaélico, non tentedes traduzir o que canta a intérprete, e muito menos buscar-lle sentido a esas palavras, sinxelamente porque o non teñen: unha das características do puirt-a-beul é a primazia absoluta do ritmo en detrimento do conteúdo, de xeito que o que se emprega nestas composizóns son as chamadas non-sense words.
Há unha intrahistória triste no puirt-a-beul. Ainda que era unha prática comun dos gaiteiros para praticar as melodias que depois interpretarian co seu instrumento, o certo é que o desenvolvimento desta técnica ten muito a ver coas derrotas xacobitas, as eternas e sucesivas derrotas dos rebeldes escoceses (que no fundo son a encarnazón de todos os rebeldes e teimosos do mundo) culminadas no páramo ensanguentado de Drumossie en 1746. A represón que seguiu a ese desastre da causa xacobita foi brutal. Os signos de identidade dos highlanders foron estigmatizados; entre eles, a própria gaita, proibida tallantemente. Como ocorrera en Gales após a proibizón da harpa, o xénio musical tivo de canalizar-se pola via oral, e, mentres que os galeses desenvolveron unha música eminentemente coral, os escoceses toparon no puirt-a-beul unha porta aberta à permanéncia e à resisténcia...


4 Comentários:

Anonymous Anónimo disse...

Se non me equivoco, unha variante deste tema, ou un tema moi parecido, ou cantado doutro xeito, sae na peli Excalibur de Boorman, cando Arturo busca a espada do seu irmán antes do torneo, no inicio do filme.

segunda-feira, dezembro 18, 2006

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Na realidade este é un set de 3 temas. O derradeiro deles é mui coñecido no folklore escocés, agora mesmo non saberia dizer o nome, mais há versóns mui boas como a de Capercaillie ou a miña debilidade Mary Jane Lamond.

segunda-feira, dezembro 18, 2006

 
Anonymous Anónimo disse...

Non, eu refírome ao primeiro, só ao primeiro. Na película óese mal porque non forma parte da banda sonora, que é Wagner e por aí. Trátase dunha canción que é popular, cantaruxada por unha rapaza, e se ben non cadra de todo con esta que digo, porque se desenvolve máis coma unha jiga, parecen primas polo menos. Saúde e moitos parabéns por esta páxina chea de músicas e textos excelentes.

segunda-feira, dezembro 18, 2006

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Indagarei entón a ver qué podo descubrir. Saúdos e muitas grazas pola valorazón que fas do blogue, espero que sigas visitando-o asiduamente.

segunda-feira, dezembro 18, 2006

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial