Apalpando as palavras do salmom

10 novembro 2006

O soño de Carolan

Houvo unha época en que procurava na música celta esa harmonia melancólica e até certo ponto edulcorada (e edulcorante) que chegou a ser canónica no xénero, ou cando menos nos músicos máis relevantes do mesmo. Depois apareceu Martyn Bennett, e, como saberán os meus achegados, aí tiven a chave para acceder a unhas músicas muito máis densas e radicais, inxénuas ao seu xeito, de gorxas rachadas e sentimentos exacerbados. Por esa porta chegaron a min, por exemplo, Mercedes Peón (como o inglés de Chesterton, descobrir o próprio dando voltas ao redor do alleo), as gravazóns de Alan Lomax, os coros de comezos de século, o estrépito da bombarda bretoa ou os salmos gaélicos da illa de Lewis. Porén, nesoutra vertente, nese "clasicismo" (se se quer) da harpa e o violin executados con perfeizón e rigor académicos, sempre há pingas que dun ou doutro xeito caen en camiños obscuros e evocan lendas mui primitivas. A harpa de Cearbhallain (Turlough O'Carolan) é unha desas pingas, que por si soas humedecen e fecundan. É, como todos os músicos cegos (Ruaridh Morrison, Joe Parry, Mathurin Furic...) unha das miñas debilidades. Barroco e cortesán, mais ao mesmo tempo borrachuzas e arcaico como todo aquel que carreta unha harpa polos camiños enlamados da illa máis antiga do mundo... Esa estraña conexión entre Vivaldi e os cantis de West Cork...
Seica Carolan durmiu unha noite nun rath (o equivalente aos nosos castros encantados), escuitou as músicas do sidh (o Outro Mundo) e foi desde entón o intérprete máis xenial de entre os muitos que bulian polo Éire. Lin-no en Yeats, e mui seguramente é certo, porque a música (e iso ben o intuian os vellos filidh) é un agasallo que nos vén do outro lado, algo sagrado e de poder inimaxinável. Quizá este Carolan's Dream non sexa máis que a confirmazón desa crenza. A min, cando menos, gosta-me pensar iso mentres a escuito.

4 Comentários:

Blogger marykinha disse...

Teño unha boa nova para ti: ESA CANCIÓN XA A COÑECÍA!! Creo que non con ese nome, pero estou acostumada a eses doces sons da arpa, sei que a escoitei fai un par de aniños, pero non lembro nen o motivo nen a ocasión, pero soame moito!!
Bicos

sexta-feira, novembro 10, 2006

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Seguramente en plena melopea no Moore's, non? Eu escuitei-na nun disco dun grupo francés, Hempson, que se dedica a interpretar música antiga irlandesa, entre ela muitas pezas de Carolan. Há algunhas marabillosas, que acadaron muita popularidade e (isto é o mellor) que sempre teñen unha (intra)história detrás: Carolan's Concerto, Se Beag Se Mór ou Burke's Planxty son as miñas favoritas. Recomendo-chas para a vindeira melopea no Moore's ;-)

sexta-feira, novembro 10, 2006

 
Blogger marykinha disse...

Pois na miñas poucas melopeas mooresianas, creo lembrar escoitar a Bisbal e a Bustamante, pero non estou segura de todo, así que todo é posibel, soame máis bem de escoitala nalgunha exposición, posiblemente co galo do último ano xacobeo, pero a saber, a miña cabeciña non da para moito máis!!
Bicos ;-*

sábado, novembro 11, 2006

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Apuntamento lingüístico: non é "co galo de", senón "co gallo de". Sinto a pedantaria!

domingo, novembro 12, 2006

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial