Apalpando as palavras do salmom

15 dezembro 2006

Baile Atha Cliath, 1967

Mergullando-se a pulmón livre, un resgata de cando en vez pequenos ecos en branco e negro que nos devolven a alegria.
Dublin / Baile Atha Cliath, 1967. Aqui vedes a Tomás Mac Eoin, anicado ao carón dunha cheminé acesa, rodeado de xente que escuita e admira. Canta Tomás Mac Eoin, e é estrañamente fermoso ver cómo todo el se axita e se contorsiona; talmente unha cana levada polo vento. Non é surprendente en absoluto, sabendo como sabemos que Tomás Mac Eoin procede de An Cheathrú Rua, no Gaeltacht de Connemara, ou por dizer, dos derradeiros confins onde ainda se escuita e se fala o vello gaélico de Padraic Pearse. É terra de visionários, de atravesados, coma o Paddy Flynn de Yeats e tantos outros. De por aló era tamén Seamus Ennis, grandioso gaiteiro que nen cria nen deixava de crer nos fairies e similares.
O tema que interpreta Mac Eoin intitula-se An Spailpín Fánach (nome que se lles dava a unha espécie de xornaleiros ambulantes), e é unha das muitas canzóns con billete de ida e volta entre América e Irlanda. Eu coñecin-no nunha versón de Dervish, na sempre brillante voz de Cathy Jordan. Porén, tardei en recoñece-la cando a escuitei neste vídeo, tan distorsionada e dramatizada como emerxe entre as ramallas do sean nós, ese arcaico estilo do canto irlandés que por vezes deriva cara a territórios limítrofes co alalá ou, mesmo, co cante jondo e os lamentos rasgados do Mogreb. Por certo, que ben o viu Carlos Núñez cando fabricou esa marabilla que é Danza da Lua en Santiago, de obrigada audizón para compreender esas estrañas relazóns entre norte e sul.




1 Comentários:

Blogger marykinha disse...

"é estrañamente fermoso ver cómo todo el se axita e se contorsiona; talmente unha cana levada polo vento" calqueira persoa que sexa capaz de cantar ao mesmo tempo que desfruta facelo, irrremediablemente ten que contorsionarse e darlle unha coreografía (que sae instintivametne da súa alma) para acompañar á música.

Non coñecía a canción e ningunha outra versión, pero non dubido de é fermosa, é unha pena non entender o que di para poder desfrutala un anaquiño máis.

Deica!!

sexta-feira, dezembro 15, 2006

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial