Apalpando as palavras do salmom

16 julho 2005

Relendo Joyce

Onte puxen-me a reler Dublineses, de Joyce. Xa o coñecin há vários anos, sendo eu un tenro infante un tanto temerário en canto a escollas literárias, mais devo recoñecer que daquela non acabava de compreender a aparente cotidianeidade, o aparente de muitos dos contos do volume. Hoxe, afotunadamente (nalgo se me devian notar estes cinco anos estudando literatura), creo que a cousa mudou substancialmente. Concretamente lin As irmás, Un encontro e Dia da Pátria na oficina do partido. Agora si sentin perfeitamente o carácter fragmentário das narracións, no sentido de que son precisamente iso: fragmentos extraídos de xeito aparentemente aleatório dese magma de vida e parálise que era o Dublin de comezos de século. E, como fragmentos que son, às vezes parece advertir-se neles certa desproporción (estrutural, refiro-me) que, nunha leitura máis atenta, se revela como unha hábil estratéxia narrativa, ou como un xeito de explorar as posibilidades simbólicas de certos aspeitos da história. Estou a pensar por exemplo en Un encontro, boa parte do cal se centra no périplo dos dous raparigos (o protagonista e Mahony) pola cidade de Dublin, algo que en princípio nada achega ao tema central da narración: o encontro inesperado dos heróis cun homosexual. Ora, a descrición minuciosa de Dublin que se nos oferece nesas primeiras páxinas, atinxindo nelas un verdadeiro carácter nuclear, ten muito sentido: trata-se dunha espécie de proceso de libertación, de esquecimento, de esa cotidianeidade obsoleta e aburrida representada pola escola e as convencións familiares. Non outra cousa que unha fuxida; perfeitamente consciente, como demonstra a concreción dos topónimos, dos lugares polos que os rapazes van pasando, asi como a minuciosidade con que se relatan as suas accións, os cartos gastados... Todo mui realista, aparentemente mui naturalista, e estou a pensar agora nalguns treitos de Moll Flanders nas que se percebe algo mui similar. De feito, a fuxida do protagonista e de Mahony conduce-os a un descampado, a unha espécie de lugar sen lei, fóra da sociedade e das normas que a rexen; un lugar alleo ao mundo "civilizado" no que esperamos (a partir do horizonte de expectativas criado polo título) que se produza "o encontro". O encontro terá de ser insólito, pois asi o esperamos tendo en conta a marxinalidade e particular simbolismo dese espazo no que terá lugar. E con efeito: os estudantes van tomar contacto cun ser marxinal por antonomásia na sociedade anglo-irlandesa da época (rescoldos da época vitoriana, que lle pergunten a Oscar Wilde), como é o homosexual, o sodomita. E velaí entra en cena outro dos aspeitos que máis me seduz de certos autores, e que Joyce sabe explorar como ninguén nestes contos: a cárrega de indeterminación, a omisión deliberada de información que há neles. De novo fragmentarismo, de novo apelación às habilidades do receptor. Cómpre reparar en cómo a anterior saturación de dados (toponímicos, biográficos...) contrasta coas lagoas que salfiren agora o relato; o leitor ten de deduzir dos xestos da nova personaxe, das suas palavras, do seu estraño comportamento, en definitiva, esa característica decisiva da sua persoa. Un bon exemplo dese "pecar por omisión" que pratica Joyce é a cena da masturbación, que en nengun momento se explicita, mais que se nos vén imediatamente à mente. Mais é quizá n'As irmás onde mellor se advirte isto, pois todo o texto xira en torno a un mistério que endexamais vén a aclarar-se, nen sequer no final. É un final, nunca mellor dito, aberto; aberto de par en par. E xenial.
Por suposto que deixo outros muitos aspeitos de grande interese: o simbolismo de certas cenas, a mestria à hora de criar ambientes (às vezes observo un pouso teatral, dramatúrxico, bastante explícito, como en Dia da Pátria na oficina do partido), etc. Mais en fin, hoxe proseguirei a miña odisea através dese mar de epifanias desconcertantes que é Dublineses.
Manterei-nos informados.

4 Comentários:

Anonymous Anónimo disse...

bueno bueno bueno. Paréce-me moi boa a túa crítica, mas a ver se nos imos definindo. Creo que quedaramos en que aquí tí producías literatura e eu criticábaa, pero vexo que invades o meu terreo. Pois se queres gherra, has ter gherra. Proximamente nestas leiras poderán atopar vostedes o estudo "o sistema agrario inglés dende o XVII ao XX e as súas repercusións en "cumios borrascosos", de Emilie Brontë"

terça-feira, julho 19, 2005

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Ai, ai, ai, druidiña Abelix,se viñeses ao curso Outros xornalismos, outras literaturas verias que os blogs non son (cito case textualmente) suportes aptos para a exibición da criación literária. Non sei se o dixo a tua venerada Maria Yáñez ou o noso obscuro Jaureguizar, mais en fin.
Tranquilo, que un dia que non teña cousas con que encher o blog este hei deixar cair por aqui algun contiño ou pseudopoema, para regocijo de usté

sexta-feira, julho 22, 2005

 
Blogger ghuilianxallas disse...

a ver: eu non digo que pendures a túa literatura no blog, senón que non te dediques a facer crítica literaria que me deixas sen o pan dos meus fillos!!! ti a facer literatura e publicala en papel para que eu, critico vendido que vou ser, che poña polas nubes, redacte as contraportadas, os prólogos... xa sabes, estas cousas fáciles que dan cartiños hehehe. De todolos xeitos, se di a miña admirada Yañez que no blog non se colga literatura, non se colga, líbreme San Isidoro (patrón dos literatos e tamén dos internautas,dos blogueiros en particular).

terça-feira, julho 26, 2005

 
Blogger Ulmo de Arxila disse...

Ou sexa, que vas ser o meu Exexeta e Elaborador de Paratextos oficial. Non me desgusta a idea. Xuntos mudaremos o mundo (e se non gostan do resultado devolvemos o dinheiro, mais nunca o mundo!!!)

quarta-feira, julho 27, 2005

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial