Relanzo toponímico (con perdón)
Como saben os meus achegados, ultimamente ando enzoufado na elaborazón da miña tesina. Pretende ser esta un índice de toda a toponímia contida na documentazón do tombo de Toxos Outos. Nesta colectánea de textos notariais dos ss. XII, XIII e XIV aparecen nomes xeográficos de todo o arco atlántico galego, pois o mosteiro de San Xusto de Toxos Outos estendia os seus domínios desde a ria de Muros até os confins da terra de Nemancos, e contava ainda con enclaves n'O Salnés, Riba d'Ávia, o Norte de Portugal e a leonesa comarca de Los Oteros. Contodo, desta imensa masa toponímica con que tiven de traballar ao longo do último ano, há alguns nomes que, por motivos diversos, chamaron a miña atenzón. Un deles é Ons, nome dunha freguesia do concello de Brión e que designa a máis unha das illas máis coñecidas do noso litoral. Porén, creo que a orixe etimolóxica do topónimo é distinta en cada un deses casos, se aceitarmos, como xa se ten escrito, que o nome da illa de Ons procede do AUNIOS mencionado no Itinerário de Antonino. A denominazón da parróquia brionesa nos documentos do tombo oscila entre Aoes, Ooes e Oois, variantes estas que parecen conduzir para un mui provável étimo *ANONES. Esta formazón, segundo cremos, é o resultado de lle aplicar à base prelatina *an- ('pántano, trollo') o sufixo xa latino -ONES, que neste caso non ten valor aumentativo, senón (cremos) xentílico, ou sexa, de expresón de procedéncia. Eses *ANONES serian, en definitiva, 'os que habitan na beira do pántano' ou algo similar. Há máis casos análogos ao que veño de explicar: *MALONES, por exemplo, significaria 'habitantes do promontório rochoso' (raiz tamén prerromana *mal-, *mar-), e deu lugar ao topónimo lugués Mos, en Castro de Rei.
Espero que se me perdoe esta estraña irrupzón das miñas paranóias toponímicas en pleno blogue. Afinal vai ser certo que a lingüística (e a onomástica, máis en concreto) non se entende ben coa arxila, o salmón e o outeiro sagrado...
Xuro, en todo o caso, que non se volverá repetir.
Xuro, en todo o caso, que non se volverá repetir.